A Sociedade Ibérica de Micoloxía xuntará en Laxe a 50 especialistas de España e Portugal

O alcalde, 2º pola esquerda, con directivos da Sociedade Ibérica / C. L.

O alcalde, 2º pola esquerda, con directivos da Sociedade Ibérica / C. L. / J. M. RAMOS

Laxe acollerá do 5 ao 10 de decembro o Encontro da Sociedade Ibérica de Micoloxía, que reunirá a máis de 50 dos mellores micólogos e micólogas de toda a Península Ibérica para estudar os fungos da Costa da Morte, un lugar que conta con especies singulares na xeografía galega.

O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, destaca que os organizadores “escolleron o noso concello debido á súa riqueza ambiental única, e o encontro fará de escaparate para todas as persoas chegadas desde diferentes puntos de España e Portugal, ás que lles amosaremos o gran patrimonio cultural e etnográfico co que conta a Costa da Morte”.

Considera tamén que “é unha gran oportunidade para coñecer a gran riqueza micolóxica que temos en Laxe e na Costa da Morte”. Por iso, subliña o rexedor, “amosamos a total predisposición e colaboración á Federación Galega de Micoloxía á hora de elaborar este programa, que serve como reclamo turístico nunhas datas que tradicionalmente non son tan boas para a atracción de visitantes ao noso territorio”.