ENCONTROS

O sector turístico avalía os retos en Cee

O Clúster e Turismo de Galicia reunirá aos profesionais da Comunidade para realizar un diagnóstico que permita deseñar unha planificación adaptada ás necesidades do contexto actual

As tres universidades galegas traballan tamén nunha análise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor

Profesionais do sector turístico de Costa da Morte co presidente e o vicepresidente do Clúster, en Cee

Profesionais do sector turístico de Costa da Morte co presidente e o vicepresidente do Clúster, en Cee / C. T. G

Cee foi este xoves o punto de partida dun ciclo de vinte mesas de traballo promovidas polo Clúster Turismo de Galicia para avaliar as perspectivas e desafíos aos que se enfronta o sector nas diferentes zonas da Comunidade galega. A este primeiro encontro asistiron os principais axentes do sector na Costa da Morte, e o próximos será o venres na Coruña co sector de As Mariñas.

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o vicepresidente, Jesús Picallo, presentaron os obxectivos desta iniciativa, que “é un proceso participativo para coñecer de primeira man as necesidades e demandas do sector. Coa información recompilada elaborarase un diagnóstico que servirá de base para deseñar a planificación turística dos vindeiros anos”, afirman.

A iniciativa, engaden, busca a máxima participación “de todos os axentes do ecosistema turístico”. Paralelamente aos encontros tamén se elaborou un cuestionario online para dar cabida a todos os profesionais que queiran participar. O obxectivo “é recoller información sobre a diversidade de perspectivas e desafíos que enfronta o turismo en Galicia”.

Estudo

Ademais, en colaboración coas tres universidades galegas, elaborarase unha ánalise científica sobre a oferta, a demanda e a cadea de valor do sector turístico en Galicia, “analizando polo miúdo os recursos que constitúen parte da súa oferta diferencial. Esta análise abordará tamén a evolución cualitativa e cuantitativa do sector no período 2016-2023”, indican neste Clúster.

Un período caracterizado con tendencias mais orientadas a sustentabilidade e con un predominio da utilización de ferramentas dixitais en todas as diferentes etapas dunha viaxe, o que pon de manifesto a necesidade dunha transformación na oferta turística dos destinos.

Este proceso de diagnose parte de tres grandes vectores como son a oferta (analizando polo miúdo os recursos de Galicia que constitúen parte da súa oferta diferencial); a demanda, co obxectivo de coñecer a súa evolución nos últimos exercicios; e a cadea de valor turística de Galicia, delimitando o sector turístico desde un punto de vista empresarial.

Turismo de Galicia e o Clúster buscan con este estudo “coñecer a foto actual do sector nun momento marcado polos cambios nos hábitos dos turistas, con tendencias marcadas pola sustentabilidade e a dixitalización”, afirman. Estas cuestións abordaranse no diagnóstico xunto con outros tres aspectos chave: a oferta, analizando polo miúdo os recurso de Galicia que constitúen parte da súa oferta diferencial; a demanda, co obxectivo de coñecer a súa evolución nos últimos exercicios; e a cadea de valor turística da Comunidade galega, delimitando o sector desde un punto de vista empresarial.