O sector turístico de Costa da Morte avaliará as oportunidades da astrofotografía e o astroturismo

Farao no III Encontro de Turismo que se celebrará en Laxe

Participarán representantes políticos, técnicos e empresarios

Representantes políticos e técnicos no segundo Encontro do Turismo de Costa da Morte, celebrado en Caión

Representantes políticos e técnicos no segundo Encontro do Turismo de Costa da Morte, celebrado en Caión / CMAT

O III Encontro de Turismo de Costa da Morte, que terá lugar o 28 de novembro no Complexo Turístico A Torre de Laxe, servirá para avaliar os resultados da implantación do Sistema Integral de Calidade Turística (SICTED), aprender sobre as novas fórmulas de promoción na rede e as oportunidades para a astrofotografía e o astroturismo, grazas á colaboración dos expertos Emilio Cuíñas, de Autoxiro; Nuria P. Espasandín, de Toxío.gal e Óscar Blanco, de Trevinca Skies.

Os obxectivos principais do encontro son o traballo en rede, o intercambio de ideas, experiencias e propostas, así como a posta en valor de todo o traballo que se ten realizado desde os inicios da CMAT e ao longo desta última anualidade, para seguir fomentando o crecemento económico e social do xeodestino a través do turismo.

Están convidados os alcaldes e alcaldesas dos 17 concellos socios da CMAT, así como o seu persoal técnico de Turismo e Cultura, o tecido empresarial do sector da Costa da Morte, asociacións locais de Turismo e Camiño de Santiago Fisterra-Muxía, profesionais do eido da comunicación e colaboradores da CMAT no ámbito turístico, tanto de tipo empresarial, como institucional e académico.

 Xa está activo na web www.visitacostadamorte.com o formulario online para realizar a solicitude de inscrición ao evento. O prazo para solicitar a asistencia remata o martes, 21 de novembro de 2023, ás 14.00 horas.

 Abrirá a xornada e dará a benvida aos asistentes o presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño, para dar paso a Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, que falará sobre o futuro do turismo en Galicia e na Costa da Morte. Posteriormente, Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, dará a coñecer o impacto esperado no territorio dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino. Da evolución do destino e a traxectoria da CMAT falará Marta Rodríguez, da Secretaría Técnica da CMAT.

O presidente de APTCM, Pepe Formoso, rematará a quenda de relatorios falando sobre o asociacionismo empresarial como motor de cambio no desenvolvemento turístico do xeodestino, para dar paso á entrega do recoñecemento Embaixador da Costa da Morte 2023, por parte de Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra.

Clausurará a xornada o alcalde anfitrión, José Luis Pérez Añón, alcalde de Laxe, e darase por finalizado este III Encontro de Turismo da Costa da Morte cun cóctel que facilite a conversa e o traballo en rede. Esta actividade está organizada pola CMAT e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a CMAT.

TEMAS