Galicia suma 157 estacións meteorolóxicas coa ubicada no porto de Brens, en Cee

A directora xeral, no centro, na súa visita ao porto de Brens / x. g.

A directora xeral, no centro, na súa visita ao porto de Brens / x. g. / J. M. RAMOS

Galicia amplía ata 157 as estacións meteorolóxicas para rexistrar e prever as incidencias meteorolóxicas, segundo explicou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, durante a visita á instalada no porto de Brens (Cee).

Subliñou que estas instalacións permiten medir parámetros como a temperatura, humidade relativa, precipitacións, vento, radiación solar, presión, etc. Estes datos, que quedan rexistrados cada 10 minutos, ademais de servir para realizar as predicións por parte de MeteoGalicia, tamén estarán a disposición da cidadanía na súa web.

Esta instalación incorpora unha nova sonda de temperatura e humidade relativa, un sensor de vento no alto dun mastro de 10 metros, unha sonda de presión, un piranómetro para medir a radiación solar global e dous pluviómetros. A maiores, permite rexistrar o vento de fondo da ría a nivel do mar polo que en tempo real se achega información ao centro de control das operacións de carga e descarga. Ademais, subministrará datos para prever incidencias nunha área de potenciais zonas de inundación.