Organizacións cidadás axudan a divulgar o Complexo de Corrubedo

O centro de recepción de visitas acolleu un encontro de entidades que presentaron estudos sobre aves, bolboretas e fauna mariña

Tarefas de recuperación dunha planta ameazada en Corrubedo

Tarefas de recuperación dunha planta ameazada en Corrubedo / Xunta

A Xunta organizou este sábado en Ribeira unha xornada divulgativa sobre a ciencia cidadá no Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán para poñer en valor o papel vital que teñen a sociedade e o público en xeral no estudo e análise da súa contorna.

No encontro participaron distintas entidades e organizacións cidadás que contribúen activamente á ciencia -tanto co seu esforzo intelectual como coas ferramentas e recursos ao seu alcance- e que mostraron os resultados obtidos froito do seu estudo de diferentes ámbitos do parque natural, como o estado das poboacións de aves, coleópteros, bolboretas ou fauna mariña. 

Dende a Administración autonómica destacan que “estes axentes convértense en importantes activos pois recollen datos que poden ser empregados polos investigadores e científicos dando como resultado un escenario aberto e transversal no que as interaccións entre ciencia, sociedade e política ambiental contribúen a mellorar a toma de decisións. Ese labor tamén axuda a espertar a vocación científica do conxunto da sociedade ao fomentar un maior compromiso social”.

Os voluntarios aportan así valor á investigación, adquiren novos coñecementos ou habilidades e achéganse ao método científico de maneira atractiva. De feito, xornadas como a celebrada no auditorio do Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa de Ribeira “permiten intercambiar experiencias e avanzar no coñecemento dos distintos aspectos que a ciencia cidadá está a analizar na actualidade”, subliñan dende a Xunta.

Parque natural

O ámbito do parque natural de Corrubedo é un bo campo de estudo para todos os interesados na natureza pois trátase dun sistema dunar único en toda Galicia que ten asociadas as lagoas de Carregal e Vixán. Este espazo conta coa presenza de diversos hábitats litorais como os ambientes dunares, praias, rochedos, litorais ou marismas que o fan singular e especialmente atractivo.

A maiores hai abundante presenza tanto de fauna -entre a que hai especies de aves destacables como o alcaraván común ou a píllara- como de flora, incluídas variedades de plantas endémicas, raras ou ameazadas ou cun valor floral ou bioxeográfico singular, resaltan dende a Xunta.

O pasado mes de setembro a Adeministración autonómica completou os labores de restauración ecolóxica na contorna da duna costeira incluídos nun proxecto impulsado no 2022 para o control e erradicación de especies arbóreas colonizadoras. A actuación permitiu intervir unha superficie de 163 hectáreas.