Os expertos consideran insalvable a icónica palmeira do xardín de Carballo

Recomendan a súa eliminación urxente para evitar riscos

O Concello xa contactou con especialistas para actuar xa

Imaxe captada cun dron do estado de deterioro da icónica palmeira do xardín de Carballo

Imaxe captada cun dron do estado de deterioro da icónica palmeira do xardín de Carballo / Concello de Carballo

A icónica palmeira do xardín de Carballo non ten salvación. Segundo o informe elaborado pola empresa especializada Terapia Verde a raíz da última revisión, hai só uns días, “o estado de avanzada infestación por picudo vermello e a inexistencia de vitalidade determinan a non viabilidade do exemplar e fan precisa a súa retirada”.

Na inspección realizada con dron detectouse un grave empeoramento da situación da palmeira con respecto ao exame anterior. Nestes momentos xa non ten follas na parte alta e as que conserva están deitadas, síntoma do avance do deterioro. Tampouco hai clorofila, o que non permite a circulación de auga e alimento pola planta, e a desaparición da xema apical, que é o único punto de crecemento da palmeira, implica que xa non xerará novas follas e que as existentes irán desaparecendo.

A empresa recomenda a retirada “urxente” do exemplar para evitar unha maior dispersión da infestación por picudo vermello e polo risco de desprendemento das palmas, co conseguinte risco para as persoas usuarias do xardín, agravado pola envergadura do exemplar, que acada os 14 metros de altura. Dada a gravidade da situación, a Concellaría de Medio Ambiente contactou de inmediato cunha empresa especializada na poda en altura, que, en principio, empezará este mércores cos traballos de eliminación da palmeira.