Pais e nais de alumnos dos institutos de Cee cortan o tráfico para esixir “transporte digno”

Denuncian que teñen que viaxar de pé nos autobuses e que os horarios non se adaptan á xornada escolar

Mobilidade di que recibirá aos representantes “á maior brevidade”

Parte dos manifestantes cortando o tráfico rodado na AC-550 ao seu paso polo centro de Cee

Parte dos manifestantes cortando o tráfico rodado na AC-550 ao seu paso polo centro de Cee / j. m. ramos

Máis de medio cento de nais e pais de alumnos dos institutos Fernando Blanco e Agra de Raíces, de Cee, concentráronse este luns na capital ceense e cortaron o tráfico durante varios minutos na AC-550 para reivindicar “un transporte digno e seguro” para os seus fillos e fillas.

A presidenta da Federación de ANPA’s da Costa da Morte, Maica Cacheiro, cualificou o servizo de “terceiromundista, xa que os estudantes teñen que viaxar de pé dende Fisterra, co perigo que iso supón para a súa seguridade, e ademais moitos chegan tarde ás clases por non estar adaptados os horarios. Os que cursan ciclos polas tardes nin transporte público teñen, e outros, en traxectos que deberían ser de 20 minutos, tardan unha hora e cuarto”.

A este respecto, Ana Vázquez, da ANPA Celindas do IES Fernando Blanco, sinala que “prímase a conveniencia das empresas de transporte e non as necesidades da cidadanía” e engade que Educación “autorizou para todo o curso que os alumnos poidan entrar tarde ou saír antes de tempo para coller o autobús, sen importar que perdan clases”.

Montse Canosa, presidenta da ANPA do IES Agra de Raíces, reivindicou “o dereito dos nosos fillos a estudar e a dispor dun transporte digno e con seguridade, pois alguén nos terá que explicar como se pode autorizar que viaxen de pé en autobuses interurbanos”. Asegurou ademais que “non imos parar ata que se atendan as nosas demandas, e concentrarémonos todos os luns ás dúas da tarde ata que así sexa”.

Maite Insua, nai dun dos alumnos de Sardiñeiro (Fisterra), asegura que “non é normal que os viaxeiros que veñen sentados teñan a obriga de usar o cinturón de seguridade e que os nosos fillos e fillas, que veñen cargados con mochilas de dez quilos, poidan vir de pé por carreteras cheas de curvas e perigosas”. Así mesmo, engade que “cando empezou o curso moitos quedaron nas paradas por non ter prazas no autobús”.

Ao acto de protesta sumáronse, entre outros, a alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, concelleiros de Cee e de Fisterra, e o deputado autonómico do BNG Daniel Pérez.

A Federación de ANPA’s solicitou unha xuntanza co director xeral de Mobilidade para abordar esta problemática, e dende a Xunta aseguran que a petición “será atendida á maior brevidade” dende o servizo provincial, pero que “o escrito aínda se recibiu o pasado venres día 24”.

Durante a xuntanza viviuse un momento de tensión cando unha das nais, de Sardiñeiro, estivo a punto de ser atropelada por un dos autobuses do servizo de transporte.