Máis de 4.800 familias apostan pola compostaxe en 27 concellos do cinturón rural de Compostela

Son o 22,7% dos máis de 21.100 composteiros que Sogama ten repartidos por toda Galicia, e que prevé aumentar ata os 24.000

Carballo, con 550, e A Estrada con 500 lideran este modelo de reciclaxe e de economía circular

O alcalde da Laracha, segundo pola esquerda, e o concelleiro Ramón Martínez, dereita, cunha familia do concello que apostou pola compostaxe

O alcalde da Laracha, segundo pola esquerda, e o concelleiro Ramón Martínez, dereita, cunha familia do concello que apostou pola compostaxe / c. L.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) repartiu xa, de forma gratuíta, máis de 21.100 composteiros entre 459 entidades (225 concellos, 201 centros educativos e 32 colectivos sociais) de toda Galicia para promover a reciclaxe de materia orgánica en orixe e avanzar cara a un modelo de economía circular. No cinturón rural de Santiago e a súa área de influencia son máis de 4.800 as familias que están a elaborar o seu propio compost.

Están distribuídas por 27 concellos, 11 deles na contorna de Santiago, 9 en Costa da Morte, 4 en Barbanza, e 3 na de Deza-Tabeirós. Carballo, con 550 composteiros, e A Estrada, con 500, lideran esta aposta pola recciclaxe e a sostibilidade.

No ámbito de Compostela, Ordes é o municipio con máis familias adheridas ao plan de Sogama, con 337 composteiros, seguido de Vedra, con 280; Frades, con 150; Boqueixón, con 125; Padrón, con 120; Trazo, con 105; Santa Comba, con 100; Tordoia, con 66, Val do Dubra, con 50; Arzúa, con 50 e A Baña, con 30. Pola súa banda, na Costa da Morte, ademais, de Carballo, o Concello de Camariñas conta con 308 familias compostando (50 dos composteiros foron aportados por Sogama e o resto adquiridos polo Concello); Coristanco con 300; A Laracha con 255; Vimianzo, con 197; Cabana, con 190; Ponteceso, con 180; Cee, con 130; Malpica de Bergantiños, con 115; e Camariñas, con 50.

Na comarca de Barbanza, o Concello de Boiro conta con 120 composteiros; A Pobra, con 55; Ribeira, con 50; e Rianxo con outros 50, e no ámbito de Deza-Tabeirós, ademais da Estrada, con 500; Lalín suma 350 familias que compostan e Silleda con outras 50.

O Concello de Camariñas sumouse a esta iniciativa a través dun plan piloto, e hoxe conta con máis de trescentos composteiros repartidos polas diferentes parrroquias, dos cales 101 atópanse en fincas ou xardíns de vivendas da capital municipal, o principal núcleo urbano. E é que “en municipios coma o noso, a maioría dos fogares poderían compostar, o problema está en que a xente o queira facer”, afirma Sergio Caamaño, concelleiro de Medio Ambiente de Camariñas.

Por iso, anima a toda a veciñanza a que dé o paso: “Só teñen que vir ao concello e apuntarse. Nós darémoslle o composteiro e o manual para aprender a facer un bo uso do mesmo, sen negún problema”. Asegura que, ademais de contribuír á reducción de residuos que acaban nos contedores verdes, “quenes compostan obteñen un abono natural de moi boa calidade, ideal para cultivos como legumes e mesmo tamén para plantas de flores”.

A idea é seguir expandindo a compostaxe, e por iso Sogama vén de licitar, por preto de 240.000 euros, a subministración, almacenamento e distribución de 3.000 novos composteiros, cos que a súa rede de compostaxe doméstica superará as 24.000 unidades, repartidas por toda a Comunidade.

Con capacidade entre 360 e 400 litros, os recipientes deben estar fabricados con materiais reciclados e reciclables, contar cun sistema de baleas corredeiras e antivento, así como con illamento térmico e ventilación máxima. A maiores, deben ser lixeiros e fáciles de montar por parte dos usuarios, sen necesidade de ferramentas ou parafusos; con posibilidade de ser baleirados por calquera das caras. Tamén deben dispoñer do certificado de cumprimento da normativa europea.

Ademais do reparto dun composteiro, Sogama tamén realiza un curso de formación para explicarlles aos participantes voluntarios a técnica e asesoralos en aspectos, como onde localizar o compostador (nunha zona no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra, para facilitar a entrada dos organismos), o control de parámetros que inflúen na compostaxe (o osíxeno, a temperatura ou a humidade), así como unha relación de refugallos que deben, ou que non, depositarse no mesmo.

O obxectivo “é que os usuarios obteñan un abono natural de alta calidade que cumpra cos requisitos esixidos na normativa vixente e que poida ser aplicado na agricultura e xardinería con garantías”, subliñan.

Instalación dun composteiro nunha vivenda do rural de Vimianzo / C. V.

Instalación dun composteiro nunha vivenda do rural de Vimianzo / C. V.

Serxio Caamaño: “Pódense reducir entre un 40 e un 60 por cento os residuos que se verten no colector verde”

Compostar non é so unha acción solidaria co medio ambiente, senón que esta modalidade de reciclaxe pode “reducir entre un 40 e un 60 por cento os residuos que van aos colectores verdes”, asegura Sergio Caamaño, edil de Medio Ambiente de Camariñas, en base a un estudo realizado anos atrás.

Unha reducción que repercute “no beneficio de todos”, explica, xa que “axuda a reducir a factura que os concellos temos que pagar a Sogama e iso é, á súa vez, é un aforro para toda a veciñanza”. Ademais, Caamaño asegura que se a veciñanza apostase máis pola compostaxe, iso permitirá tamén reducir custos na futura implantación do colector marrón, “pois en concellos coma o noso, a maioría das vivendas, incluso nas áreas máis urbanas, teñen unha finca ou un xardín”.

No Concello de Camariñas tiveron claro desde o primeiro momento que “a autocompostaxe é unha moi boa opción”. Por iso, co apoio do colectivo Amigos da Terra, deron continuidade ao plan piloto “e adicamos parte das axudas do Fondo de Compensación Ambiental para mercar composteiros e ir ampliando a rede municipal de compostaxe caseira”.