Un milleiro de persoas asistiron en Mazaricos á poxa de xovencas, na que se venderon 22 por 69.700 €

O exemplar máis caro alcanzou os 5.450 euros

O titular de Medio Rural, José González, reclama vantaxes fiscais para as explotacións

Exhibición dunha das xovencas durante a poxa celebrada onte na Semana Gandeira de Mazaricos

Exhibición dunha das xovencas durante a poxa celebrada onte na Semana Gandeira de Mazaricos / c. mazaricos

A Semana Gandeira de Mazaricos rematou onte no recinto feiral da Picota coa exitosa poxa de gando frisón Memorial José Moreira, á que asistiron un milleiro de persoas e na que se venderon as 22 xovencas e primeirizas exhibidas, procedentes de ganderías de toda a provincia da Coruña.

O prezo medio rexistrado foi de 3.168 euros, pero o máximo foi o que se pagou por Cerdeiras Pepsi Clara ET, de Granxa Cundíns S.L., que foi adquirida pola SAT Busto Corzón, de Mazaricos, por 5.450 euros. O importe total das poxas alcanzou os 69.700 euros.

Ademais, repartíronse dous mil euros en premios, entre os que había, por exemplo, unha estancia dunha fin de semana nun balneario, produtos gandeiros, pienso, millo, etc.

Entre os asistentes estaba o conselleiro do Medio Rural, José González, quen na súa intervención reclamou ao Goberno central unha reforma fiscal que discrimine positivamente aos agricultores, gandeiros e silvicultores para compensar o seu labor de xestores do territorio rural. Segundo González (que estivo acompañado polo alcalde de Mazaricos, Juan Blanco) ditas vantaxes fiscais “favorecerían a rendibilidade das explotacións”.

Nesta liña, o conselleiro avanzou tamén que a Xunta, dentro das súas competencias nesta materia, habilitará o vindeiro ano un servizo de asesoramento fiscal e de organización empresarial aconsellando aos produtores, con expertos na materia, a mellor fórmula para reducir a súa carga tributaria, sempre dentro da legalidade.

Por outra banda, o titular de Medio Rural confirmou que o Goberno galego convocará nas próximas semanas as axudas para apoiar a realización de certames de gando bovino selecto na nosa comunidade.

A dotación das subvencións, dirixidas aos concellos que organicen este tipo de certames, será de novo de 200.000 euros e están enfocadas a impulsar a celebración dunha rede de eventos en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde á oferta de animais, incluíndo poxas e concursos oficiais como os de Mazaricos.

O conselleiro subliñou, así mesmo, “o esforzo do Executivo autonómico en materia de control do rendemento leiteiro”, e lembrou que o Consello da Xunta autorizou na súa última xuntanza destinar 750.000 euros ás axudas para esta finalidade, “que procuran unha maior eficiencia produtiva do sector e favorecen a súa sustentabilidade”, sinalou.

No tocante ás axudas para o fomento da actividade, referiuse aos máis de 83 millóns que se destinarán en 2024 a accións que permitan afondar na competitividade do sector e na remuda xeracional.