O instituto Ramón Caamaño de Muxía divulga a riqueza cultural da Costa da Morte

O alumnado do centro colabora activamente na publicación mensual da revista Abalar

Imaxe da portada do número 2 da revista ‘Abalar’

Imaxe da portada do número 2 da revista ‘Abalar’ / ies ramón caamaño

A comunidade educativa do IES Ramón Caamaño, de Muxía, está a desenvolver diversas iniciativas para dar a coñecer a riqueza cultural e creativa da Costa da Morte. Con tal fin, o alumnado do centro colabora activamente na publicación mensual dun exemplar da revista Abalar aportando ensaios, poemas, artigos e contos, baixo a coordinación do profesor de Lingua Castelá e escritor Jorge de Barnola Fernández.

Asemade, a Radio Buserana, que comezou a súa andaina o pasado curso 2022-23, está a pleno rendemento e os estudantes son os protagonistas absolutos no proceso de programación, gravación e edición, guiados por Xurxo Fernández Fernández, músico e profesor no instituto muxián.

Pola súa banda, a biblioteca do centro está moi comprometida coa igualdade e aposta por darlle visibilidade á literatura feminista e inclusiva, promovendo a realización de actos e obradoiros nas diferentes conmemoracións e festividades do instituto, e noutras iniciativas de carácter lonxitudinal que traballan ao longo do curso dende os diferentes departamentos.