Someten a estudo a viabilidade socioeconómica e ambiental da biomasa forestal en Barbanza

A finalidade é apoiar ás comunidades na xestión de montes nos que deben facer faixas de protección

Un operario acometendo traballos forestais na Pobra.

Un operario acometendo traballos forestais na Pobra. / Concello da Pobra

Suso Souto

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade o convenio de colaboración entre a institución provincial e a Federación Rural Galega para o financiamento do proxecto de estudo, análise de viabiliade socioeconómica e medioambiental nas franxas da biomasa forestal nos montes veciñais en man común das comarcas do Barbanza e Costa da Morte.

O orzamento total destinado a tal fin ascende a 60.042 euros, dos que a Deputación coruñesa achega 48.000 euros (o que supón o oitenta por cento da actuación).

“O obxectivo deste estudo é establecer medidas de apoio ás comunidades de montes veciñais en man común para acadar un maior coñecemento das posibles viabilidades económicas, sociais e medioambientais da xestión da biomasa forestal, naquelas superficies dos seus montes nas que é necesario establecer faixas de protección de carácter social, como é a prevención e a loita contra os incendios forestais”, explicou ao respecto o presidente provincial, Valentín González Formoso.

A Federación Rural Galega ten como finalidade principal a defensa dos intereses das asociacións vinculadas ao medio rural galego e asociadas ás mesmas así como tamén a información, a formación, a investigación e a transferencia de coñecementos en actividades relacionadas co rural galego, en calquera das súas formas.

Ademais, o servizo desenvolvido pola entidade está a levar a cabo diversas actuacións no eido do medio ambiente, que teñen relación cos montes veciñais en man común, en aplicación da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais, e a repercusión económica de custos de xestión da biomasa forestal nas superficies afectadas polas faixas de protección de redes secundarias e terciarias, así como “a formulación de alternativa para a sustentabilidade económica e social por medio dos aproveitamentos”, segundo explican dende a Deputación.

TEMAS