A Laracha volve licitar, por case cen mil euros, o proxecto para rehabilitar a casa consistorial

Medio século despois da súa inauguración, precisa dunha reforma á que se prevé destinar 1,2 millóns de euros

Fachada da casa consistorial da Laracha

Fachada da casa consistorial da Laracha / Concello de A Laracha

Suso Souto

A casa consistorial da Laracha será obxecto dunha rehabilitación integral para facer o edificio máis operativo e eficiente no aspecto enerxético. O Concello vén de sacar a licitación por segunda vez a redacción dos proxectos básicos e de execución e da dirección de obra para esta actuación despois de declararse deserto o primeiro procedemento. Desta volta a fecha límite para a presentación de ofertas é o 30 de xaneiro e o orzamento ascende a 98.859,92 euros.

Os pregos tamén establecen os catro fitos nos que se divide a vixencia do contrato, fixando en 30 días desde a formalición do mesmo os traballos previos, 60 días a entrega do proxecto básico, 160 días o proxecto de execución e, neste caso a contar desde a sinatura da acta de replanteo, 18 meses de dirección de obra durante a execución dos traballos.

Cómpre lembrar que o orzamento inicial previsto para a execución do proxecto de rehabilitación da casa consistorial ascende a 1.250.000 €, contándose para o seu cofinanciamento cunha achega de máis de 700.000 € procedentes dos fondos Next Generation.

A casa consistorial da Laracha foi construída en 1974 e en 1989 foi obxecto da reforma coa que se aumentou o segundo andar e os espazos do baixo cuberta. Agora, medio século despois da inauguración, o edificio require dunha rehabilitación integral que adecúe as instalacións para unha máis óptima prestación de servizos. Ademais, renovarase a envolvente exterior.