Condenan a 2 anos e 3 meses de prisión a un empresario pola morte dun albanel en Carnota

Avítima caeu desde seis metros cando cambiaba uralitas sen a formación e as medidas necesarias

Fachada da Audiencia Provincial da Coruña

Fachada da Audiencia Provincial da Coruña / P.I.

Suso Souto

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena a dous anos e tres meses de prisión a un empresario da construción pola morte dun albanel en Carnota ocorrida en abril de 2017.

En concreto, o empresario é culpable dun delito de lesións por imprudencia grave, que absorbe outro delito contra a seguridade dos traballadores, porque o empregado estaba a substituír unhas placas de uralita nunhas instalacións dunha piscifactoría “sen a formación necesaria” para facer traballos de altura cando sufriu unha caída mortal desde seis metros.

Esta sentenza confirma a do Xulgado do Penal Nº1 da Coruña que en 2022 desestimou o recurso da defensa do empresario.

De acordo cos feitos probados, o traballador falecido só dispoñía para realizar o traballo “dun arnés sen cabo de conexión e unha corda común que non garantía a seguridade e que debía enganchar a algún punto indeterminado segundo o seu criterio”. O día do sinistro, o punto de amarre “foi totalmente improvisado” e a súa resistencia non tiña “garantías”.

“O acusado non proporcionou as medidas colectivas de seguridade minimamente necesarias” e tampouco lle deu “os cursos de formación necesarios”, recalcan os maxistrados. Ademais, o condenado deberá indemnizar á familia do falecido con 485.000 euros. A aseguradora da empresa farase cargo de 300.000 euros.