Costa da Morte e Barbanza conservan este ano o distintivo de Sendeiro Azul para catro itinerarios

Percorren tramos litorais de A Laracha, Camariñas, Carballo e Ribeira

Galicia suma 14, acadando un total de 49, cun percorrido total de 369 quilómetros

O selo avala o seu valor para a interpretación ambiental

Treito do sendeiro de Coroso-Río Azor, en Ribeira

Treito do sendeiro de Coroso-Río Azor, en Ribeira / Concello de Ribeira

José Manuel Ramos

A Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) acordou outorgar para este ano o distintivo de Sendeiro Azul a 128 itinerarios en España, dos cales 49 pertencen a Galicia, que suma 14 novos roteiros con respecto a 2023. 

Catro están nas comarcas de Costa da Morte e Barbanza, que renovarán a certificación que avala a conservación e recuperación de sendas naturais, o que as converte en valiosos recursos para a interpretación e a educación ambiental, así como para o desfrute da natureza a través da realización de actividades recreativas, deportivas e turísticas sostibles.

Na Costa da Morte segue lucindo o distintivo o sendeiro de Saldoiro de Caión (A Laracha) por undécimo ano consecutivo. A ADEAC recoñece así o tramo do paseo marítimo de 1,5 quilómetros que bordea a costa desde a Praza Eduardo Vila Fanoa ata o arroio de Figueirido. Un itinerario que será obxecto dunha actuación “que procura o múltiplo obxectivo de mellorar a accesibilidade e a seguridade e, ao mesmo tempo, embelecer e revitalizar o espazo como destino turístico”, afirma o alcalde larachés, José Manuel López.

O proxecto pretende a posta en valor da fachada marítima da vila e contempla a renovación da varanda de madeira, incluíndo as escaleiras intermedias de baixada aos areais do Caracoleiro e das Salseiras.

Farase cun deseño e materiais sostibles, empregando madeira autóctona, esteticamente adaptada á contorna, segundo explicou o rexedor. Tamén se mellorará a sinalización e instalarase novo mobiliario urbano. A intervención está valorada en 88.500 euros e será cofinanciada pola axencia Turismo de Galicia.

Pola súa banda, Carballo acolle a Senda do Mar Razo-Baldaio, que une o porto de Razo co espazo natural de Baldaio pasando polas praias de Pedra do Sal, Baldaio, Saíñas e Razo, avaladas tamén pola Bandeira Azul e as certificacións ISO 14001.2015 e EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora dos areais, a xestión de residuos e a atención aos usuarios.

En Camariñas sitúase o itinenario máis longo: 22 quilómetros. Parte do Museo de Man (Camelle) e remata no xacemento do Castelo do Soberano, na capital municipal. O seu percorrido pola costa atlántica enmárcase en espazos da Rede Natura, e atravesa praias de areas brancas, como a de Trece, zonas de especial protección de aves e esculturas pétreas naturais en forma de penedos.

O Sendeiro Azul camariñán ofrece ao camiñante no seu itinerario espazos de gran interese, como o Cemiterio dos Ingleses, onde repousan as vítimas no naufraxio do buque HMS Serpent da Armada Inglesa; a Pedra do Oso, unha rocha tallada pola natureza que reflexa unha figura que semella a deste animal plantígrado; ou o faro de Vilán, o primeiro de España que foi dotado de subministro eléctrico, no ano 1896.

Pola súa banda, Ribeira acolle a senda litoral que une as praias de Coroso e Río Azor, dunha lonxitude de 2,2 quilómetros. O Sendeiro Azul permite gozar dun entorno privilexiado no que destacan as illas de Rúa e dos Ratos, e que posúe elementos de gran valor patrimonial, como unha antiga fábrica de salgadura no remate do areal de Coroso.

Na provincia da Coruña, lucen por vez primeira o distintivo Sendeiro Azul os itinerarios Fraga dos Muíños do río Xario e a Senda dos Sentidos, no concello de Miño; o Sendeiro do Bosque Xas e o Sendeiro Seixo Branco-Furnas, no municipio de Oleiros. E seguirán contando asimesmo con este prestixioso aval o Roteiro Monte da Fraga, da Universidade da Coruña; a Senda Azul, de Arteixo; e o Sendeiro Costa Libre, de Oleiros.

Pontevedra é a provincia con máis Sendeiros Azuis e incorpora en 2024 outros nove: a Ruta do Monte Penizas, en Marín; o sendeiro fluvial do río Louro, en Mos; a Ruta dos Muíños de Samieira e a Senda do Laño, en Poio; a senda do río Tea, en Ponteareas; a senda fluvial do río Pintillón, en Sanxenxo; a senda de ribeira do río Lagares, de Vigo; a Senda Mariñeira de Vilagarcía de Arousa; e a Vía Verde do Salnés, que discorre polos concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas.

Seguen lucindo a distinción a Senda Litoral de A Guarda; a Senda Perimetral Bao-Xastela, de A Illa de Arousa; o Sendeiro do Cabo Udra e a senda litoral, en Bueu; o Roteiro de Donón, en Cangas; as rutas das praias, Cinco Miradoiros e Montes e Praias, de Marín; o sendeiro litoral e a variante espiritual do Camiño Portugués, en Poio; o itinerario do río Verdugo, en Ponte Caldelas; a Ruta dos Carballos de Aldaria, os sendeiros litorais Areas-Punta Festiñanzo, Canelas-Punta Cabicastro, Montalvo-Major, Paxariñas-Montalvo, Sanxenxo-Portonovo e o Sendeiro Máxico da Lanzada, en Sanxenxo; e tamén o Camiño á Beiramar, a Senda entre Faros, Illas Cíes, a senda litoral do Monte da Guía e a Vía Verde, no concello de Vigo.

Na provincia de Lugo, teñen o distintivo de Sendeiro Azul a Ruta do Litoral de Burela; O Torno, Cubelas-O Rego e Río de Lavar-Muíño do Medio, en Cervo; o Paseo Ruta das Praias de Foz; e a Ruta do Faro de Illa Pancha a As Aceas, en Ribadeo.

Pola súa banda, a provincia de Ourense estrea en 2024 o primeiro distintivo outorgado á Ruta da Aceveda Parque Natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso.

Criterios de concesión

A distinción de Sendeiro Azul naceu no ano 2011 como programa piloto para 12 sendeiros litorais educativos, que tiñan como particularidade que unían ou partían de praias galardoadas con Bandeira Azul.

Os criterios para optar a esta cerficación céntranse en aspectos como o trazado e a tipoloxía, as infraestruturas e a sinalética, e tamén en aspectos relativos ao uso público, o desfrute, a accesibilidade, a información ao usuario e a participación cidadá.