As sombras de peche volven planear sobre o Instituto Social da Mariña de Corcubión

O centro, do que dependen 1.400 mariñeiros da Costa da Morte, está sen servizo médico // O sindicato CIG asegura que a praza está vacante e non se cubrirá ata que haxa oposicións

Concentración celebrada diante do ISM de Corcubión en outubro de 2020 pola perda de servizos / ECG

Concentración celebrada diante do ISM de Corcubión en outubro de 2020 pola perda de servizos / ECG / J. M. RAMOS

A historia repítese e, como xa sucedera nos anos 2020 e 2021, as sombras de peche volven planear sobre o Instituto Social da Mariña de Corcubión (ISM), do que dependen máis de 1.400 mariñeiros da Costa da Morte para facer os seus recoñecementos médicos, segundo sinala o sindicato CIG.

As alarmas saltaron de novo na reunión da executiva do ISM da Coruña, cando a directora provincial do referido organismo “confirmou que a praza médica de Corcubión está vacante e que o organismo non vai adoptar ningún tipo de medida mentres non haxa oposicións”, afirma o secretario comarcal da CIG Mar, Manuel Camiño. “Deixan así sen servizo de maneira indefinida aos mariñeiros e materializa un peche encuberto deste centro”, engade.

Dende a organización sindical denuncian que “estase a eliminar un servizo de proximidade que precisan os mariñeiros para realizar o seu traballo”, ao tempo que subliñan “o gasto que lle vai supoñer a estes profesionais, ao ter que desprazarse a outras localidades e ter que perder días de mar”.

Este martes, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou na Cámara Baixa unha serie de preguntas para que o Goberno central esclareza se as dependencias do Instituo Social da Marina (ISM) de Corcubión van continuar co servizo de recoñecemento médico, “unha vez que xa está confirmado que a partires do 14 de febreiro a médica que vén desenvolvendo dito servizo deixará o seu posto por motivos profesionais”.

No centro local de sanidade marítima de Corcubión realízanse os recoñecementos médicos dos traballadores do mar de Cee, Corcubión, Fisterra, Muxía, Camariñas, Laxe, Ponteceso e Malpica, polo que os nacionalistas piden que o Goberno explique “que tipo de medidas ten adoptado ou vai adoptar para asegurar a continuidade do servizo”.

Antecedentes

Xa en setembro de 2020, o ISM de Corcubión quedou temporalmente sen persoal médico debido a unha baixa por enfermidade, sen que se designase un substituto, o que mobilizou a representantes políticos, sindicais e aos propios profesionais, que expresaron o rexeitamento ao peche nunha concentración en outubro. Un ano despois, en setembro de 2021 o centro pechou temporalmente, neste caso pola falla de persoal administrativo. Agora o ISM volve a perder persoal e os fantasmas do pasado reviven, así como o temor a quedar sen este servizo.