Medio Rural forma en Boqueixón e Lugo a 60 gandeiros en xestión económica e fiscalidade

Os cursos impartiranse alí onde haxa demanda // O Pazo de Quián acolleu un foro de representantes de industrias de transformación agroalimentaria, sector ao que a Xunta apoiará este ano con trinta millóns de euros en axudas

González, dereita, na apertura dos cursos de optimización fiscal e formación económica para gandeiros

González, dereita, na apertura dos cursos de optimización fiscal e formación económica para gandeiros / Cedida

Suso Souto

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou este mércores na apertura das xornadas formativas para gandeiros sobre optimización fiscal e formación económica organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, ubicado no concello de Boqueixón.

Alí, puxo de relevo a importancia da formación continua deste sector, “absolutamente exemplar na súa capacitación e profesionalización e, como sempre digo, empresarios”.

Neste sentido, e facendo fincapé na relevancia que ten este sector na nosa comunidade, afirmou que o obxectivo deste curso é seguir favorecendo e contribuíndo á mellora da competitividade e rendibilidade deste sector; neste caso, a través da optimización fiscal e formación económica. Ademais, González sinalou que este xoves 8 de febreiro haberá outra edición deste curso no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo.

Na acción formativa de Boqueixón participaron gandeiros procedentes de varios lugares de Galicia. Ambas as dúas xornadas, nas que participan uns sesenta gandeiros, están divididas en tres bloques formativos, centrados na tributación básica e a optimización fiscal, contabilidade e xestión eficiente. A Consellería de Medio Rural informou que se impartirán alí onde haxa demanda.

Asimesmo, a Xunta fomenta a formación regrada nos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA). Seis institucións repartidas por toda Galicia que permitiron formar máis de 5.300 alumnos nos últimos 14 anos. Trátase dos de Pedro Murias de Ribadeo, Guísamo, Lourizán, Monforte de Lemos, Becerreá e Sergude (Boqueixón).

Por outra banda, González participou nun encontro con representantes das industrias de transformación agroalimentaria de Galicia que tivo lugar no Pazo de Quián, tamén no concello de Boqueixón.

Na xuntanza, que foi presentada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, o conselleiro puxo de relevo o labor desenvolvido por estas entidades, “que contribúen a consolidar a esta industria como potencia económica do rural da nosa comunidade, un dos principais motores que fai mover o engrenaxe que é o rural galego”, sinalou ao respecto. 

Nesta xornada, que incluíu unha mesa redonda coa participación de varios representantes destas industrias agroalimentarias, José González afirmou que “o Goberno autonómico ten clara a súa aposta pola comercialización e transformación de produtos agrarios”. Un compromiso que, tal e como sinalou o conselleiro, se traduce nas diferentes liñas de achegas convocadas nos últimos anos con este concepto. 

Cómpre sinalar que as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios contan cun orzamento de 30 millóns de euros na convocatoria deste ano, das que poderán beneficiarse empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Neste mesmo sentido, José González lembrou que o prazo para solicitar os préstamos garantidos segue aberto ata o 29 de marzo.

Este tipo de axudas procuran incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios.

Esta achegas para apoiar a transformación e comercialización de produtos agrarios xestionadas pola Xunta permitiron a mobilización de 555,69 millóns de euros en investimentos desde 2016. En conxunto, financiáronse 552 proxectos, cunha axuda total de 171,9 millóns de euros.

Por provincias salienta Lugo, que con 200 proxectos apoiados acumula o 36% do total. Ademais, neste territorio concentráronse o 46% das axudas (79,84 millóns de euros) e a metade dos investimentos subvencionables (279,09 millóns de euros).

Despois da provincia luguesa, A Coruña é a que máis proxectos acumula, con 150 (máis do 27%). Neste territorio as axudas superaron os 45 millóns de euros (26%) e os investimentos subvencionables pasaron dos 135 millóns (máis do 24%).

VISITA DE ESTUDANTES A JEALSA. E en Boiro, 80 alumnos do IES Félix Muriel de Rianxo coñeceron este mércores as claves do funcionamento dunha das máis importantes conserveiras de España, visitando a planta de Jealsa, guiados polos directivos da compañía, entre eles o seu presidente, Jesús Alonso Escurís. Os alumnos forman parte do programa Empresa familiar nas aulas, impulsado por Afundación Obra Social Abanca e a Asociación Galega da Empresa Familiar. A iniciativa percorre este ano 18 das principais empresas galegas.

Alumnos do instituto Félix Muriel de Rianxo durante unha visita guiada á conserveira Jealsa de Boiro

Alumnos do instituto Félix Muriel de Rianxo durante unha visita guiada á conserveira Jealsa de Boiro / Cedida

O grupo Jealsa emprega a 4.000 profesionais (2.500 empregos en Galicia) e está integrado maioritariamente por galegos e formados en Galicia. Jesús Alonso Escurís indicou que a súa compañía contrata anualmente 50 persoas, fundamentalmente mozas e mozos de elevada formación e con dispoñibilidade para moverse. “As empresas familiares temos raíces e preocupámonos por crear riqueza na contorna onde nacemos”, sinalou Alonso diante dos 80 alumnos de ESO, Bacharelato e FP.

A firma galega é hoxe unha corporación formada por 27 sociedades integradas en 3 divisións de negocio (alimentación, valorización e enerxía) e produce 1.500 millóns de latas de conservas anuais.