A comparsa Tren-in Topic 2023, de Dodro, gaña o concurso do Entroido de Rois

Redacción

A dodrense Tren-in Topic 2023, un divertido e orixinal repaso polas novas que marcaron a actualidade o ano pasado, alzouse este sábado cos 400 euros de premio á comparsa gañadora do concurso de Entroido de Rois nun pavillón dos Dices rebosante de público disposto a desfrutar coas propostas dos máis de 360 participantes, toda unha marca.

Nunca houbera tantos concursantes nin tanto público. Rois viviu este sábado a súa festa de Entroido máis multitudinaria nunha tarde na que triunfaron os disfraces festivos e reivindicativos. Personaxes de contos, debuxos ou xoguetes compartiron protagonismo con chamadas á atención á diversidade ou ao coidado do medio ambiente, ademais de acenos a películas ou países estranxeiros. 

Ata as chuvieiras intermitentes se aliaron co Entroido de Rois e permitiron que a tarde festiva comezase, como estaba previsto, co desfile dos concursantes dende o consistorio ata un pavillón dos Dices a rebentar e cheo de postos ateigados de delicias gastronómicas, a cargo das distintas asociacións veciñais.

Non o tivo nada fácil o xurado para decidir. Abonda dicir, por exemplo, que entraron no concurso un total de 19 comparsas, que competiron non só cos seus disfraces senón tamén coa súa presentación ante o público con pequenas interpretacións e coreografías. Ademais das propostas das distintas parroquias de Rois, participaron no concurso comparsas e persoas de concellos próximos como Padrón, Dodro, Pontecesures ou Brión.

Tren-in Topic 2023, un tren chegado de Dodro no se que montaron dende Jennifer Hermoso e Rubiales ata a princesa Leonor e Carlos III de Inglaterra, fíxose co primeiro premio na categoría de comparsas de 13 membros ou máis. O segundo premio, dotado con 200 euros, marchou para Pontecesures coa asociación A Estornela, que homenaxou un dos produtos máis xenuinos da localidade, a lamprea, en Patifas, valeiros, valeiras e criaturas do Ulla.

Por último, os Celtas de Herbogo lograron reter na casa o terceiro premio, de 150 euros, coa súa chamada á conciencia ambiental con Cambio climático.

Ademais dos disfraces, unha vez máis premiouse en Rois o espírito entroidero que as asociacións veciñais deixaron patente por todo o polideportivo cos seus postos de orellas, filloas, rosquillas e todo tipo de doces e lambetadas para que o público gozase dunha opípara merenda gratuíta. Nesta ocasión, foron as asociacións de Ribasar, Sanamede e Herbogo as agraciadas cos tres premios e as correspondentes cestas de produtos gastronómicos.

Tras a merenda, chegaron o dictame e o emocionante repartimento de premios, no que participaron os concelleiros Mercedes Basante, José Luis Ares, Manuel Cobas e Antonio Esparís. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, velou pola boa marcha da festa.

A festa continuou no polideportivo coa actuación do Trío Soprano e o sorteo de artigos de broma entre as persoas participantes no concurso.