A Deputación da Coruña inxecta 27 millóns en 47 concellos da comarca para reforzar vías e servizos

A Baña aproveitará para cumprir unha sentenza que lle obriga a urbanizar un camiño en Monelos // Oroso dotará de senda peonil a Villarromarís, e Brión construirá unha entre Os Ánxeles e Cantalarrana e outra en Bastavales

O alcalde de Boiro, José R. Romero, centro, e os edís Ruiz, esqda., e Treus, cos planos das obras do POS

O alcalde de Boiro, José R. Romero, centro, e os edís Ruiz, esqda., e Treus, cos planos das obras do POS / Concello de Boiro

Suso Souto

A maioría dos concellos coruñeses aprobaron xa as actuacións que levarán a cabo este ano con cargo ao POS da Deputación, que reparte 50,5 millóns de euros, 27 deles en 47 localidades do cinturón compostelán. O reforzo da rede viaria acapara o groso do plan, pero os concellos aproveitan tamén estas axudas para avanzar na extensión das redes de saneamento e abastecemento e ampliar o Servizo de Axuda do Fogar. E, mentres municipios como Ponteceso, Frades, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Lousame, Laxe, A Baña, O Pino, Brión ou Rois dedican partidas de máis de 200.000 € a gasto corrente (no caso de Melide, ata 341.412 €), outros como Ames prescinden desa posibilidade.

En Cee, entre as obras máis destacables figuran a mellora do entorno da Praza Ketty Quintana e as beirarrúas de parte de rúa Lino Madero (110.953 €) e a instalación do sistema de accesos e cobro no parking do centro comercial de titularidade municipal (56.215 €).

Lousame destinará unha parte a gasto corrente (150.000 €) para sufragar o coste do alumeado público e 51.191 € a mellora de accesos.

A Pobra reserva 30.000 € para mellorar a accesibilidade na praia do Areal e 34.850 para reforzar a seguridade e reparar a fachada da praza de abastos. Boiro acometerá unha actuación de 147.100 € para renovar o pavimento e instalar garda raíles na principal vía de enlace entre o núcleo urbano e o polígono e no principal acceso ao IES de Espiñeira.

Asimesmo, porá en marcha un proxecto por 153.206 € para acondicionar camiños municipais en Boiro de Arriba, Armada, Aspra, Cubeliños, Pazos de Coroño e O Saltiño.

Frades executará a mellora de accesos a Fontao (Abellá) por 87.673 € e a Vilarxoán (Vitre), por 69.460 €. 

Rianxo aposta por afrontar a primeira fase do saneamento e abastecemento de Vilanustre, en Asados, o tramo Corques-Outeiro en Taragoña que entronca co xa realizado en Corques proveniente do depósito de Taragoña e que permitirá abastecer desde alí os tramos do Araño realizados en Pousada e A Casilla, con maior potencia de caudal. Inclúense tamén dous proxectos de iluminacion led para o paseo marítimo e a segunda fase de saneamento e abastecemento de Vilas (145.523 €).

A Baña opta polo primeiro treito do camiño de Monelos, que o Concello está obrigado a urbanizar por sentenza xudicial, polo que inclueu unha partida de 48.370 €. Tamén se reforzará o firme no viario de Nantón a Buchaín (137.472 €). Outra parte desta vía inclúese no POS+ Complementario para completar a obra.

Oroso destina 250.000 € á mellora da rede viaria en Vilacide de Arriba e Vilacide de Abaixo, en Oroso; no lugar de A Costa, en Trasmonte; e no Barreiro, en Sigüeiro, así como á construción dunha senda peonil de Valverde a Vilarelle (Villarromarís).

Vimianzo disporá de 680.941 € para acondicionar o viario Treos-Carnio, asfaltados en Esquipa, Xora (Treos) e Santa Cristiña e mellorar un viario na Costa, Torelo, en Salto.

Melide destina 234.768 € a melloras de pavimentación e seguridade viaria en Orois de Arriba, Golán e Gondollín, e 305.000 € en Corral do Medio, Piñeiros, Mirce e Marrás. 

Laxe acondicionará vías en Soesto (124.999 €), Arrueiro (31.846 €) e rúa Hospital (74.244 €), un vial con gran tránsito de vehículos e peóns.

No Pino levaranse a cabo cun investimento de 224.693 € obras en Budiño, Gonzar, Cerceda, San Breixo e Arca. Para completar estas actuacións, o Concello aportará 36.500 €. Aprobáronse tamén catro proxectos dentro do Plan Complementario por 467.993 € que se van executar en Arca, Lardeiros, Medín e Cerceda. 

Brión executará, entre outras actuacións, a construción de dúas sendas: unha entre a aldea do Cabo (Os Ánxeles) e o límite con Ames (Cantalarrana), de 585 metros, por 204.396 €, e outra en Chave da Ponte (Bastavales), de 470 metros, por 141.539 €. O proxecto máis importante dende o punto de vista orzamentario (265.838 €) é a mellora da estrada entre Coruxido e Sabaxáns (Bastavales) onde o Concello vai mellorar a capa de rodaxe en sete treitos que suman 3.100 metros. Ademais, en Tourís (Luaña) vaise anchear en 2,5 metros a estrada, construíndo tamén unha beirarrúa de 105 metros. Esta obra custará 138.761 €.

Plano da actuación que se executará en Tourís (Brión)para ensanchar a estrada e construír beirarrúas

Plano da actuación que se executará en Tourís (Brión)para ensanchar a estrada e construír beirarrúas / Concello de Brión

A Laracha destinará 279.316 € a mellorar a rede viaria. A intervención máis ampla localízase en Montemaior, onde se contemplan obras no núcleo de San Fins (incluíndo o acondicionamento dos sobreanchos e a mellora de rede de pluviais) e en Sabaceda. Tamén se ensanchará a calzada en A Pedra de Coiro.

Ames prevé a pavimentación e a senda peonil de Coira, Biduído (284.132 €);a pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira en Bertamiráns (118.799 €) e a das rúa Pardiñeiros, Panasqueira e Seidón, no Milladoiro; e o acondicionamento das prazas da Cruxa, no Milladoiro (334.772 €) e do Concello, en Bertamiráns (248.509 €). 

Rois aprobou o afirmado do vial que vai dende a AC-308 ata Busto; de varias pistas en Pazos e da estrada que comunica a AC-543 con Pazos.

Ponteceso reservou 340.000 € para financiar a mellora dos accesos a Limiñoa e Balarés, así como ao abastecemento de Guxín (Corme-Aldea).

No eido da atención social, Melide porá en funcionamento un banco de axudas técnicas para atender ás “grandes esquecidas” nas situacións familiares de dependencia: as coidadoras. Ames contempla 10.000 € para ofrecer o servizo de Xantar na Casa ás 12 persoas que están en lista de agarda e aquelas que poidan precisalo. E Lousame ampliará con 51.000 euros o SAF, que está prestando non só aos dependentes con graos 2 e 3, senón tamén aos do grao 1.