Enterros, coloridos desfiles de comparsas e moito humor para despedir o Entroido

Máis de 700 persoas amosaron a súa imaxinación en Padrón

As costureiras e Georgie Dann trifunfaron na Baña

A Mikaela encheu a vila oleira de Buño

Os disfraces e comparsas tomaron as rúas de Padrón

Os disfraces e comparsas tomaron as rúas de Padrón / Concello de Padrón

J. M. Ramos

Milleiros de persoas saíron a rúa para despedir o Entroido 2024 na contorna de Compostela. Coloridos e animados desfiles conviviron co loito de enterros que fixeron saltar as bágoas, pero de risa, aos asistentes.

En Padrón, veciños e visitantes encheron as rúas para gozar dun desfile que xuntou máis de 700 persoas que amosaron a súa imaxinación e ganas de pasalo ben con coloridos disfraces e música para todos os gustos. Con café, Viaje a ciudad Esmeralda, de Pontevedra, foi a comparsa gañadora, seguida de As Catrinas de Baroña e Un barrio de Colombia, de Poio. Na categoría de grupos Botou o mar fora foi o gañador, seguido do particular tributo a Las más grandes (Lola Flores, Rocío Jurado, Marujita Díaz e María Jiménez), que non deixaron de cantar en todo o percorrido. O terceiro posto foi para Excursión a Benidorm.

A voda na Carballeira, á que non faltou nin o arcebispo, fíxose co primeiro premio na categoría de comparsas locais de máis de dez membros. As aprendices de bruxas Habelas hainas levaron o segundo.

E na Baña, as marchosas costureira de Hai que hilvanar para coser e cantar, de Vilagarcía, e El Chiringuito, de Negreira, liderado polo mesmiño Georgie Dann, foron as grandes triunfadoras. O terceiro premio marchou para Tomiño grazas á espectacularidade das fontes que compoñían Estrelas de noite. Na modalidade de grupos as divertidas plantas Carnívoras carnavalescas foron agasalladas con 150 euros, e O rabaño do camiño, con pequenos granxeiros facéndolle fronte ao lobo gañou 100 €.

Unha das comparsas desfilando polas rúas da Baña

Unha das comparsas desfilando polas rúas da Baña / Concello de A Baña

Ata Valga acudiron concursantes de Pontecesures, Catoira, Rois, Moraña, Noia, Sigüeiro, Redondela, Brión e A Pobra do Caramiñal. O galardón á mellor comparsa de adultos foi para Patifas, valeiras, valeiros e criaturas do Ulla, de Pontecesures, namentres que en grupos gañou Unha granxa moi chuli, de Valga. En categoría infantil a comparsa máis valorada polo xurado foi OVNI, de Catoira, e en grupos tamén venceron as catoirenses Cazadoras de mamuts. Outro dos galardóns recaeu no Circo Ruso, da asociación Musival.

Unha polbeira desfilando polas rúas de Valga

Unha polbeira desfilando polas rúas de Valga / Concello de Valga

Na Costa da Morte, unha das citas centrais tivo lugar na vila oleira de Buño (Malpica), onde milleiros de persoas chegadas desde distintos puntos de Galicia, na súa maioría mozos, acompañaron á Mikaela polas rúas da localidade. A música non deixou de soar en toda a xornada.

Desfile da Mikaela polas rúas da vila oleira de Buño, en Malpica

Desfile da Mikaela polas rúas da vila oleira de Buño, en Malpica / ECG

En Laxe, pola súa banda, unha comitiva enloitada acompañou o cortexo fúnebre do Caietano, que pecorreu as rúas máis céntricas da vila mariñeira. A celebración rematou na praia coa queima do defunto.

Comitiva fúnebre do enterro do Caietano na vila mariñeira de Laxe

Comitiva fúnebre do enterro do Caietano na vila mariñeira de Laxe / Concello de Laxe

En Cee viviron un intenso e concorrido desfile e concurso no que Os Enjominados foron os ganadores, seguidos de Os da Charca, de Fisterra, e Os de sempre, de Porto do Son.

'Os enjominados' foron os gañadores do concurso de comparsas e carrozas en Cee

'Os enjominados' foron os gañadores do concurso de comparsas e carrozas en Cee / Concello de Cee

Vimianzo tamén despediu o Entroido 2023 cun colorido concurso en Baíñas, no que ademais de repartir 2.870 € en premios tamén serviron un abundante e exquisito cocido.

A alcaldesa e os concelleiros do goberno de Vimianzo no Entroido de Baíñas

A alcaldesa e os concelleiros do goberno de Vimianzo no Entroido de Baíñas / C. Vimianzo