A Deputación financiará a contratación de 107 profesionais do SAF na comarca

Dos 178 que reforzarán a axuda no fogar na provincia coruñesa, 53 traballarán no ámbito de Santiago, 35 en Costa da Morte-Bergantiños e 19 en Barbanza // O investimento no cinturón compostelán é de 4,7 millóns

Pola esquerda, Mar García Vidal, Valentín González Formoso e Julián Bustelo, en Rianxo

Pola esquerda, Mar García Vidal, Valentín González Formoso e Julián Bustelo, en Rianxo / Cedida

Suso Souto

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, visitaron este xoves o concello de Rianxo para coñecer de primeira man os servizos sociais do municipio que funcionan con financiamento da institución provincial e para informar do apoio da mesma no eido da axuda no fogar no ámbito da comarca do Barbanza.

Acompañados do alcalde, Julián Bustelo, e de membros da Corporación municipal, Formoso e García mantiveron un encontro co persoal que traballa na área social do Concello e cun grupo de traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do municipio, no que se interesou polo seu traballo diario e as súas condicións laborais.

A Deputación vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia o Plan de Servizos Sociais Comunitarios 2024, cun investimento total de 8,3 millóns de euros, que permitirá cofinanciar cos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia a prestación de preto de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar e a contratación dun total de 178 profesionais especializados no ámbito social para atender as necesidades das persoas máis vulnerables. Trátase de especialistas do eido social que atenden a miles de cidadáns, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

En concreto, a Deputación financiará durante 2024 un total de 395.804 horas deste servizo, unha prestación esencial para a atención de maiores nos pequenos concellos coruñeses. A cifra supón un incremento de 120.000 horas con respecto a 2020. Ademáis, a través doutros programas provinciais, como o POS Social, creado durante a pandemia, os concellos poden incrementar os fondos que destinan a financiar a axuda no fogar.

Na comarca do Barbanza financiará con 989.614 euros a prestación de 50.034 horas de axuda no fogar e a contratación de 19 profesionais (1 en Mazaricos e Outes; 2 en Boiro, Carnota, Lousame, Muros, Noia, A Pobra e O Son; e 3 en Rianxo).

Nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, que terán un investimento de 1.620.576 euros, serán 75.151 as horas financiadas e 35 os profesionais contratados (1 en Cee; 2 en Cabana, Cerceda, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Zas; 3 en Camariñas e Coristanco; e 4 en A Laracha e Vimianzo). E na comarca de Santiago, cun investimento de 2.136.742 euros, serán 91.314 as horas financiadas e 53 os profesionais contratados (1 en Frades, O Pino, Santiso e Toques; 2 en Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, Dodro, Melide, Mesía, Oroso, Rois, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra; 3 en Negreira, Teo e Tordoia; e 4 en Ordes, Padrón e Santa Comba).

En total, a institución provincial apoiará o SAF en 49 concellos do cinturón compostelán con 4.746.932 euros para a financiación de 216.499 horas dese servizo e a contratación de 107 profesionais.

Asimesmo, costeará a contratación de 37 profesionais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da comarca da Coruña e 34 nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal, así como a prestación de 111.961 horas de SAF na área de Ferrolterra, Eume e Ortegal e 67.342 horas na comarca da Coruña e As Mariñas

O presidente provincial destacou a importancia do traballo que realizan as coidadoras, “un servizo esencial para coidar dos nosos maiores nos concellos máis pequenos e rurais, para permitirlles ter unha vellez digna e tranquila, seguir vivindo nas súas casas e favorecer tamén a conciliación laboral das familias”.

Oalcalde de Carnota, Juan M. Saborido, esqda., recibe o vehículo para o SAF financiado con 20.000 € pola Deputación da Coruña

Oalcalde de Carnota, Juan M. Saborido, esqda., recibe o vehículo para o SAF financiado con 20.000 € pola Deputación da Coruña / Concello de Carnota

Asimesmo, Formoso ratificou o compromiso da Deputación da Coruña con este eido e reclamou un maior investimento por parte da Xunta de Galicia, que ten as competencias en materia de política social e atención á dependencia.

“As achegas por parte da Administración autonómica son escasas para soster o sistema de dependencia, que é o cuarto pilar do estado de benestar, do que dependen tantos miles de familias en Galicia”, afirmou.

Explicou tamén que a visita serviu para avaliar a situación do servizo “e comprobar en que se pode axudar, de que maneira podemos dende a Deputación implementar novas políticas co fin de favorecer a calidade de vida dos usuarios e tamén das traballadoras”. Trátase dun servizo “que consume moitos recursos municipais, pero é unha prioridade e queremos afondar en facer mellor ese traballo”, asegurou.

Ademais, Valentín González Formoso destacou que “a Deputación coruñesa duplicou nos últimos anos o investimento neste programa que fai posible mellorar a calidade de vida de miles de persoas e que toda a cidadanía teña acceso a servizos sociais profesionais, incluso nos concellos máis pequenos”. “A demanda de servizos de axuda no fogar incrementouse notablemente nos últimos anos”, sinalou. 

O programa financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 euros ao ano), persoal técnico A2 (22.000 euros) e persoal técnico A1 (26.000 euros). O persoal poderá ser contratado tamén a media xornada.

RESIDENCIA EN RIANXO. Pola súa banda, o alcalde de Rianxo salientou o apoio da Deputación, que “vén axudando de maneira moi importante a soster un servizo fundamental para os concellos” e remarcou que presta esa axuda “sen ter as competencias, mentres que quen as ten non contribúe como debera”. Bustelo lembrou que a administración provincial elixiu Rianxo para a construción dunha residencia pública, o que agradeceu e destacou como mostra do “esforzo importante que fai a Deputación no eido da dependencia”.