Ribeira compite nunha liga internacional de construción e programación de robots con pezas Lego

Alumnos da academia Mega Ribeira que participarán na liga

Alumnos da academia Mega Ribeira que participarán na liga / Concello de Ribeira

Suso Souto

Un grupo de alumnos da academia de informática Mega Ribeira participarán o vindeiro sábado día 2 na décima edición da First Lego League Galicia, un torneo internacional organizado na nosa comunidade pola Universidade da Coruña, a través do Campus Industrial e a Escola Politécnica Superior de Educación de Ferrol. Trátase dun concurso educativo dirixido a mozos e mozas de entre 6 e 16 anos que fusiona tecnoloxía, ciencia e espírito deportivo a través da construción e programación de robots mediante pezas Lego e a resolución de retos temáticos. “O obxectivo principal da First Lego League é promover as vocacións tecnolóxicas e científicas entre os mozos”, explica Alberto Cascallar, técnico de informática e responsable da academia. Outro dos aspectos importantes deste evento é a promoción de valores como a competencia amistosa, o respecto aos demais, o traballo en equipo, a inclusión e a innovación, que tamén son valorados polos xuíces do evento. Mega Ribeira leva seis anos participando neste torneo.