A vicepresidenta Yolanda Díaz loce pendentes de encaixe de Camariñas: “Vémonos na Mostra”

Yolanda Díaz lucindo os pendentes de encaixe de Camariñas

Yolanda Díaz lucindo os pendentes de encaixe de Camariñas / Cedida

Suso Souto

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, a galega Yolanda Díaz, fixo gala nas súas últimas aparicións públicas duns pendentes de encaixe de Camariñas que lle foron enviados polo Concello como agradecemento polo encontro mantido na última edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur) coa alcaldesa, Sandra Insua, e as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes.

Sandra Insua reuniuse en Madrid coa vicepresidenta e comprometeuse a enviarlle eses artigos. No envío, acompañando aos pendentes, ía tamén unha invitación para participar na XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas, o encontro de palilleiras e artesanía que acolle ademais unha das pasarelas de moda máis importantes de España e que este ano se celebrará do 27 ao 31 de marzo

Na súa resposta, Yolanda Díaz salientou o bo traballo que se fai desde o Concello para a comercialización e internacionalización do encaixe e cun “vémonos na Mostra” confirmou que intentará participar este ano nalgún dos días do evento.