Zas achega a Enrique Labarta Pose ao seu Día das Letras Galegas

Un cento de persoas asistiron en Baio á presentación da antoloxía poética do escritor local // A obra, publicada por Galaxia, recolle corenta dos seus poemas máis relevantes// O obxectivo é levar a súa creación aos colexios, bibliotecas e librerías

Pola esquerda, Xosé María Rei Lema, Xesús Domínguez Dono, Manuel Muíño e Xosé Manuel Varela

Pola esquerda, Xosé María Rei Lema, Xesús Domínguez Dono, Manuel Muíño e Xosé Manuel Varela / J.M.R.

José Manuel Ramos

O Concello de Zas segue a dar pasos para que o polifacético escritor Enrique Labarta Pose, nado en Baio en 1863, vexa recoñecido o seu labor coa dedicatoria dun Día das Letras Galegas. A súa vila natal foi escenario esta sábado da presentación da antoloxía poética que recolle 40 dos poemas máis relevantes da súa obra.

Da elaboración desta publicación encargáronse os filólogos e editores Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela, e a obra viu a luz da man da Editorial Galaxia e do propio Concello de Zas, a través dun convenio de colaboración. O alcalde, Manuel Muíño, confía en que este sexa un paso adiante para que “o Día das Letras Galegas de Enrique Labarta Pose nos quede máis cerca”.

O director de produción de Galaxia, Xesús Domínguez Dono, afirmou que con esta obra a editorial realza “o compromiso coa recuperación dos nosos devanceiros” e definiu a Enrique Labarta como “un avogado que quixo vivir das letras”. Asimesmo, destacou o seu polifacético perfil como editor, xornalista, fotógrafo e escritor subliñando que “tocou todos os paus da literatura”. 

Xosé María Rei sinalou que “escollemos os seus mellores poemas e buscamos que fose un libro accesible para que Labarta estea de novo na rúa, nas bibliotecas e nas librerías, e para que poida ser coñecido polas novas xeracións”. Engadiu tamén que “buscamos outra visión da súa figura, pois foi un escritor moi satírico e iso restoulle credibilidade ante o panorama literario galego”. 

Tamén enxalzou a Labarta Pose como “un pioneiro na defensa das mulleres, da lingua galega e dos animais, coas súas críticas ás corridas de touros en Galicia”, e subliñou a súa implicación coa emigración, especialmente na Arxentina, colaborando cun xornal de Bos Aires.

Pola súa banda, Xosé Manuel Varela definiu ao poeta baiés como “un todoterreo”, autor de poesía, narrativa e teatro, e subliñou que a figura de Enrique Labarta transcende moito máis alá de Baio (Zas), pois “hai máis espazos labartianos, como Santiago, Pontevedra ou Noia”. De feito, este sábado Ángel Labarta, veciño de Noia e vinculado polos seus antepasados co escritor, aportou unhas fotos de familiares do mesmo.

No acto participaron tamén o catedrático da USC e presidente da Comisión Labarta Pose, Jorge Mira; o seu homólogo da UDC e tamén baiés, Ricardo García Mira; o historiador vimiancés e estudoso da figura de Labarta Pose, Xosé María Lema Suárez; e o escritor Miro Villar, entre outros representantes de colectivos sociais, culturais e veciñais. 

Dende hai varios anos a referida comisión, da man do Concello de Zas, está a traballar para que a Real Academia Galega dedique a Enrique Labarta Pose (1863-1925) un Día das Letras Galegas. Ademais de impulsar unha exposición itinerante, que actualmente pode verse no Claustro Alto de Fonseca, en Santiago, crearon un roteiro literario polos espazos labartianos e organizaron xornadas para divulgar e enxalzar a figura e obra do escritor baiés, coñecido como o Quevedo galego. 

Labarta Pose destacou pola súa obra narrativa, poética e teatral, en galego e castelán, e chegou ao seu público a través do humor, e caracterízase polo uso da ironía, a tenrura e delicadeza, o enxeño e a gracia.