O IES de Rianxo crea un certame literario e plástico a nivel rexional inspirado en ‘Cousas’ de Castelao

Poderán participar alumnos de ESO, Bacharelato e FP con imaxes acompañadas de textos ao estilo dos relatos ilustrados do galeguista

A edil de Patrimonio e Lingua de Rianxo, Olalla Figueira, con alumnos do IES Félix Muriel na presentación

A edil de Patrimonio e Lingua de Rianxo, Olalla Figueira, con alumnos do IES Félix Muriel na presentación / Concello de Rianxo

Suso Souto

Castelao foi un creador que deixou a súa pegada persoal en moitos ámbitos, aínda que seguramente foi a narrativa o xénero no que a súa orixinalidade ficou máis explícita coa invención das Cousas. En 1924 comezou a publicar Cousas da vida nas portadas de Galicia e Faro de Vigo. Tratábase dunha serie de debuxos cun breve texto ao pé. Posteriormente, ese texto foi medrando ata se converter nun microrrelato ou nun relato curto que unhas veces acentuaba os elementos dramáticos e outras veces o lirismo.

O rianxeiro publicou na prensa da época esas breves narracións híbridas que ilustrou cun debuxos e que en 1926 e 1929 recolleu no libro Cousas. Nelas retratou as condicións socioeconómicas do pobo galego e denunciou a realidade dos máis marxinados, acompañándose dun humorismo que oculta unha gran dor. A obra tal e como hoxe a coñecemos é unha reedición da recompilación das 44 Cousas que foron publicadas pola editorial Nós en 1934.

Agora, o IES Félix Muriel de Rianxo quere homenaxear a figura de Castelao cun certame artístico que, seguindo a estela de Cousas, será de carácter literario e plástico.

Poderán participar as alumnas e os alumnos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional que estean a estudar en Galicia e non teñan cumpridos os 18 anos o 30 de xaneiro de 2025. As imaxes poden ser debuxos, fotografías, collages... Poden imitar ou non o estilo de Castelao, pero deberán ser orixinais. Os textos tamén serán orixinais e escritos en lingua galega, e contarán cun mínimo de 100 palabras e un máximo de 500.

Concederanse tres premios (de 300, 200 e 100 €) e o xurado estará constituído por catro persoas con recoñecemento profesional nos eidos das artes plásticas, a creación literaria, a docencia e/ou o xornalismo.