Salvamanteis para enxalzar o galego dende Carballo

 O Concello e a Asociación da Hostalaría repartirán 50.000 protectores de mesa con pasatempos

O obxectivo é que os clientes se entreteñan mentres esperan a que lles sirvan unha tapa

A concelleira de Normalización Lingüística amosando un dos salvamanteis

A concelleira de Normalización Lingüística amosando un dos salvamanteis / Concello de Carballo

J. M. Ramos

O Concello de Carballo, en colaboración coa Asociación de Hostalaría, impulsa unha nova campaña de promoción do galego a través dos establecementos hostaleiros empregando como soporte uns orixinais salvamanteis ilustrados con pasatempos da revista A píllara. Unha proposta que está aberta á participación de todos os locais interesados.

Esta é unha das numerosas actividades que o Concello carballés vén desenvolvendo para a normalización e a promoción da lingua galega en diferentes ámbitos.

Por segundo ano consecutivo, os pasatempos da revista A píllara, editada polo Concello de Carballo coa colaboración da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), volverán ás mesas dos establecementos carballeses e, diante do éxito acadado na primeira edición, este ano repartiranse 50.000 unidades, trinta mil máis que o pasado ano.

O obxectivo é que mentres os clientes agardan a que lles sirvan unha tapa, unha ración ou un xantar, poidan entreterse e exercitar o uso da nosa lingua facendo unha sopa de letras ou un anagrama.

A proposta foi moi ben acollida polo sector, e, de feito, a través da Asociación de Hostalaría de Carballo, contan xa cunha ducia de establecementos colaboradores. Este ano tamén se suma a cafetería Mercado, onde foi presentada a iniciativa coa participación do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira; e a concelleira de Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret.

Dende o Concello destacan que a proposta está aberta á participación de todos os empresarios interesados, formen parte ou non da entidade. O único que teñen que facer é achegarse ata o mercado municipal en horario de tarde (a partir das 18.00 horas) e solicitalos na conserxería. Se precisan máis información, poden poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística a través do enderezo electrónico snl@carballo.gal. Todas as peticións serán aceptadas “e incluso se irán repoñendo os salvamanteis ata fin de existencias”, subliñan dende o goberno local.

No amplo abano de actividades que o Concello de Carballo promove para fomentar o uso da lingua galega enmárcase tamén a presentación literaria programada para este mércores, día 28, que terá como protagonistas ao escritor, músico, profesor e dinamizador cultural Xurxo Souto e o seu libro Somos un pobo de artistas.

A cita, organizada pola concellaría de Bibliotecas, terá como escenario as salas do Museo de Bergantiños, de Carballo, a partires das 20.30 horas. Con esta obra, o escritor Xurxo Souto rende homenaxe á autora á que a Real Academia Galega adica este ano o Día das Letras Galegas. A entrada ao acto é libre e de balde ata completar capacidade.

TEMAS