O Concello apoiará a edición dunha guía promocional do sector hostaleiro de Muros

Incluirá información de restaurantes, cafeterías, locais de ocio e aloxamentos

A alcaldesa, terceira pola esquerda, na xuntanza co sector hostaleiro

A alcaldesa, terceira pola esquerda, na xuntanza co sector hostaleiro / Concello de Muros

J. M. Ramos

O Concello de Muros e a Asociación de Hostalería elaborarán unha guía con información práctica dos restaurantes, cafeterías, locais de ocio e establecementos de hospedaxe do municipio. Así o acordaron nunha xuntanza celebrada este mércores para avaliar a situación do sector e concretar a posta en marcha de diferentes iniciativas.

“Unha reunión moi positiva e fructífera cun sector clave para a economía local de Muros, coñecendo as súas demandas e amosándolles o apoio do Concello”, asegura a alcaldesa, María Lago, que recibiu aos directivos da asociación xunto á concelleira de Promoción Económica, Laura Rivadeneira. Ambas partes quedaron en concretar en futuras xuntanzas outras iniciativas de apoio e promoción.

A rexedora subliñou que “o sector servizos de Muros xera emprego, actividade e por suposto é prioritario para o goberno local, polo que a colaboración será máxima pola nosa parte”.