O recinto feiral acolle en marzo o primeiro dos certames de 2024

Estará dedicado ás oportunidades e ás antigüidades e contará con 50 expositores

A Feira de Oportunidades e Antigüidades celebrarase entre o 8 e o 10 de marzo de 2024.

A Feira de Oportunidades e Antigüidades celebrarase entre o 8 e o 10 de marzo de 2024. / CEDIDA

REDACCIÓN

A Feira de Oportunidades e de Antigüidades será a primeira que se celebre neste 2024 no recinto feiral da Estrada. Será entre os días 8 e 10 de marzo. Está confirmada a participación de 50 expositores, que exporán os seus produtos en catro pavillóns.

Desde a organización destacan que os visitantes poderán mercar os produtos expostos con descontos de ata o 80 por cento no seu prezo. Entre os comercios participantes haberá establecementos de roupa, calzado, menaxe, electrodomésticos, antigüidades, libros, porcelana, cosmética, mobiliario ou artigos de descanso.

Un ano máis, o sector da automoción local tamén estará presente no certame, coa participación de Foxo Motor, Varela Motor e Talleres Louzao, que ofrecerán unha variada selección de vehículos seminovos e de ocasión a prezos especiais durante os tres días que dura o certame.

A apertura da feira está prevista para o venres 8 de marzo a partir das 16:00 horas. O recinto estará aberto ao público ata as 20:00 horas, mentres que o sábado 9 e o domingo 10 de marzo o horario será de 11:00 a 20:00 horas, ininterrompidamente.

Os visitantes que se acheguen á mostra poderán participar no sorteo de vinte lotes promocionais, patrocinados polas firmas expositoras. A entrada será válida para os tres días de feira.