Ribeira presentou á Consellería de Industria o proxecto para crear o novo parque empresarial

O alcalde, Luís Pérez, asegura que é "unha actuación prioritaria"

Francisco Suárez-Puerta, esquerda, Luís Pérez e Nicolás Vázquez, na xuntanza en Santiago

Francisco Suárez-Puerta, esquerda, Luís Pérez e Nicolás Vázquez, na xuntanza en Santiago / C. Ribeira

J. M. Ramos

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e o tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, presentaron ao secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, o proxecto do novo polígono industrial e valoraron diferentes actuacións para mellorar a dispoñibilidade do solo empresarial no Barbanza. “Esta actuación é prioritaria para o goberno ribeirense” afirmou Pérez Barral. “É preciso xerar novos postos de traballo e facilitarlle a tódalas empresas que se queiran instalar en Ribeira un espazo axeitado para desenvolver a súa actividade”.

O Concello, promotor do polígono, está levando a cabo as expropiacións definitivas e a mediados do mes de marzo realizarase o seu pagamento. Este é o paso previo para avanzar co proxecto de urbanización.

Nicolás Vázquez informoulles que a Consellería de Economía, Industria e Innovación ten aberta a liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais (4,7 millóns), e tamén unha orde para modernizar as infraestruturas dos polígonos industriais, dotada con 3,5 millóns.