Continúan os ecos dun clamor a prol das mulleres que chegou á comarca neste 8M

Un grupo de veciñas de Cabana celebraron o 8M cunha viaxe a Ferrol organizada polo Concello / cedida

Un grupo de veciñas de Cabana celebraron o 8M cunha viaxe a Ferrol organizada polo Concello / cedida / M. Manteiga/S. souto

M. Manteiga/ S. Souto

Aínda resoa o clamor das mulleres en toda a comarca para reivindicar igualdade efectiva en pleno século XXI. E desde os distintos concellos continúan a informar dos actos que levaron a cabo este 8M de cara a acadar ademais a fin da violencia.

O alcalde con Eva González, terceira pola esquerda, en Rois / concello

O alcalde con Eva González, terceira pola esquerda, en Rois / concello / M. Manteiga/S. souto

Deste xeito, Rois conmemorou a efeméride coa entrega do I Premio extraordinario do Día da Muller a Eva González. Esta física local, que se desprazou directamente dende Madrid para estar presente na homenaxe, conta cunha longa traxectoria investigadora en universidades de diferentes países, e foi a concelleira Mercedes Basante a encargada de ler o manifesto do 8M, animando á veciñanza “a seguir esforzándose cada un dos 365 días do ano para que a igualdade sexa real e efectiva”.

A matrona bañense Benigna Castro / cedida

A matrona bañense Benigna Castro / cedida / M. Manteiga/S. souto

A entrega de premios do concurso de carteis e a actuación do OCT Chorima completaron o acto institucional no auditorio municipal.

Fuentes, esqda., Duro, Moldes e Leis en Negreira / concello

Fuentes, esqda., Duro, Moldes e Leis en Negreira / concello / M. Manteiga/S. souto

Na Baña rendéronlle homenaxe a Benigna Castro, recentemente xubilada logo de máis de trinta anos como matrona no centro de saúde. Así, quixeron recoñecer o seu compromiso cos bañenses, tanto dende a súa consulta de Atención Primaria como coa labor divulgativa que desenvolveu. O auditorio da casa da cultura quedou pequeno e interviron dúas das mulleres que atendeu: Alicia Paredes e Bárbara Mansilla.

O alcalde de Ribeira, Luis Pérez, cun grupo de artistas, colectivo ao que o Concello dedicou este ano o 8M / c.

O alcalde de Ribeira, Luis Pérez, cun grupo de artistas, colectivo ao que o Concello dedicou este ano o 8M / c. / M. Manteiga/S. souto

Xa en terras do Deza, o Concello de Lalín entregou o Premio ás Mulleres Dona Maruja Gutiérrez, na súa 18ª edición. E recoñeceuse no concello a Laura Calvo Cobela (categoría Xove Empresaria), entregando a distinción a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel. Ademais, Marta Maceda Ansedes recibiu o de Mulleres en movemento, da man da concelleira de Política Social, Muller e Igualdade, Carmen Canda, e o rexedor José Crespo entregoulle a Isabel Couso Carballude o de Toda unha vida.

Rosita Paz recibiu o Premio Mulleres do IES noiés Virxe do Mar / cedida

Rosita Paz recibiu o Premio Mulleres do IES noiés Virxe do Mar / cedida / M. Manteiga/S. souto

En Teo tamén houbo declaración institucional, e membros da Corporación e das forzas vivas locais recibiron camisetas conmemorativas, mentres que en Negreira fixeron entrega na Gala do 8M do seu galardón 2024 a María Moldes para recoñecer a traxectoria profesional da cooperante e delegada para Galicia e Asturias da Fundación Vicente Ferrer.

Xa en Valga, o Concello celebrou a data cun tributo a 35 emprendedoras; mulleres loitadoras, valentes e soñadoras que contan con negocio en activo local, e que foron e son motor económico do municipio.

En Noia, Rosita Paz, que foi conserxe do IES Virxe do Mar durante 45 anos, recibiu o I Premio Mulleres VdM nun acto ante cen persoas.

En Muros celebrouse o Día da Muller cun acto coa comunidade educativa no que participaron máis de 300 nenos e nenas, aos que a alcaldesa, María Lago, animou “a loitar polos vosos ideais; que ninguén vos diga o que podedes facer ou non”.

En Ribeira dedícase cada ano o Día da Muller a un colectivo de féminas. Neste caso, foi o das artistas.

Na Pobra a reivindicación dos dereitos da muller fíxose cunha manifestación e con música tradicional. A marcha iniciouse na praza Alcalde Segundo Durán e rematou no Teatro Elma, onde a Asociación Cultural Eiradela interpretou varias coplas tradicionais. Pandeireta en man, catro das súas integrantes entoaron cánticos con perspectiva de xénero.

E un grupo de mulleres de Cabana fixeron un roteiro por Ferrol no que puideron aprender moito sobre as figuras femininas máis relevantes da contorna. Acompañáronas o alcalde de Cabana, José Muíño, e o concelleiro de Obras, Carlos Allo.