Mapean con drons a duna de Corrubedo tras retirar 3.400 toneladas de pinos na contorna

Rematada a eliminación de 160 ha de masa arborizada que freaba o montículo, os expertos céntranse agora en monitorizar a súa evolución

Agardan dar o diagnóstico en cinco anos

Mapean con drons a duna de Corrubedo tras retirar 3.400 toneladas de pinos na contorna

Suso Souto

Hai agora dous anos, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poñía en marcha un ambicioso plan de rexeneración da duna de Corrubedo (Ribeira), consistente, entre outras medidas, na eliminación da extensa masa arborizada da súa contorna, que estaba freando o montículo e propiciando a consolidación de maleza sobre él.

Agora, rematados xa eses traballos, que se levaron a cabo nunha superficie de 160 hectáreas da contorna da duna, os expertos céntranse no estudo da evolución do montículo, monitorizándoo e mapeándoo mediante o voo de drons. Teñen por diante un mínimo de cinco anos para facer o seu diagnóstico. É dicir: para comprobar se as tallas surtiron efecto e se a duna se volve mover.

As tallas tiveron como obxectivo o control e erradicación de especies arbóreas que colonizaban esa zona dunar e alteraban o que é un hábitat prioritario do Parque Natural Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Polo tanto, os traballos buscaban protexer a integridade das dunas eliminando masas arbóreas e rexenerando esa área para devolvela, na medida do posible, ao seu estado orixinal.

Durante esas tallas retiráronse un total de 3.400 toneladas de madeira, que lle foron entregadas á propietaria dos terreos: a comunidade de montes de Olveira, formada por 330 socios e socias. Á poxa para a compra desa madeira presentáronse cinco empresas. Finalmente, o adxudicatario foi José Manuel Silva Ferreira, que a pagou a entre 43,30 e 73,30 euros a tonelada, segundo o seu tipo (rolla, a de mellor calidade, ou puntal, a máis barata). 

Cambios lentos

En canto ao seguimento do complexo dunar, que se realiza de xeito constante, os técnicos da Consellería explican que “os posibles cambios na súa morfoloxía son lentos, polo que se precisan períodos longos de tempo para calibrar a súa evolución e tendencia. Neste sentido, nos últimos anos incorporouse unha nova ferramenta (os voos con drons) a este labor de seguimento do estado do parque natural para contar con maior información e poder estudar e analizar con maior precisión a súa situación”. Non obstante, indican que os datos recompilados ata o momento son insuficientes e que se precisa unha serie máis longa “para facer unha valoración clara, profunda, seria e rigorosa da evolución do complexo dunar de Corrubedo”.

Datos de tres anos

Neste sentido, explican que “polo momento dispoñemos de datos de voos con drons dos anos 2021, 2022 e 2023. Pero en 2021 aínda non se producira a talla da masa arbórea, e en 2022 estaba a medio facer, polo que sería precipitado e contraproducente facer unha valoración sobre o seu impacto ou os resultados acadados”. Nesa liña, apelan á prudencia e á necesidade de contar con datos de, polo menos, catro ou cinco anos completos para poder cuantificar ou estimar de xeito máis preciso os resultados e os beneficios desa talla na contorna da duna.

Alteración do hábitat

As masas arborizadas ocupaban espazos que, orixinariamente, formaban parte dos areais e do propio sistema dunar, alterando así o hábitat propio das dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (considerado de interese comunitario prioritario) ao impedir a mobilidade da area.

A actuación contou cun orzamento de 383.614 €, e o proxecto tivo financiación europea a través do programa Next Generation.

Medición mediante láser

O primeiro levantamento topográfico fíxose a partir dos voos realizados con drons equipados con tecnoloxía Lidar (un sistema de medición e detección de obxectos mediante láser) e unha cámara de vídeo, o que permitiu, ademais, obter imaxes en alta resolución da zona sobrevoada. Grazas a este traballo, logrouse deseñar un xemelgo dixital da duna de Corrubedo, unha ferramenta tecnolóxica moi útil, xa que axudará a coñecer as futuras evolucións do conxunto grazas aos levantamentos topográficos que se vaian realizando. Ademais, permite apreciar o estado da vexetación e a morfoloxía do conxunto dunar. Esta información axudará á Xunta a decidir as actuacións futuras de rexeneración da vexetación e a reaccionar ante a afectación derivada das mesmas.

O estudo que acendeu as alarmas

As alarmas sobre o preocupante estado da duna activáronse hai tres anos, cando tres profesores da Universidade de Santiago (Augusto Pérez Alberti, Alejandro Gómez Pazo e Xosé Lois Otero) publicaron na revista Applied Science a súa exhaustiva investigación sobre a evolución histórica do montículo entre 1956 e 2017. Segundo o seu informe, perdeu en 7 anos (de 2008 a 2015), 400.000 toneladas de area (case 270.000 m3) e a súa altura reduciuse dous metros e medio en 14 anos, pois entre 2001 e 2015 pasou de 21 a 18,51 metros. E, dado que se estima que chegou a ter 60 metros de altura a principios do século XIX, a súa elevación máxima actual é tres veces inferior.

A altura máxima da duna en 2001 era de 21 metros, e foi descendendo paulatinamente ata os 20,31 en 2008, os 19,59 en 2010 e os 18,51 en 2015.

Suscríbete para seguir leyendo