VERTIDO

Arroxan ducias de pneumáticos á beira do río Grande, en Vimianzo

A alcaldesa asegura que "é á enésima vez" que detectan estes comportamentos incívicos

Lembra que existen espazos, como o Punto Limpo, e servizos para recoller estes refugallos

Pneumáticos apilados á beira do río Grande, na Franqueira, en Vimianzo

Pneumáticos apilados á beira do río Grande, na Franqueira, en Vimianzo / Concello de Vimianzo

J. M. Ramos

O Concello de Vimianzo denuncia un novo vertido, esta vez de material pneumático, á beira do río Grande, na Furaqueira. “É a enésima vez que advertimos de comportamentos que van moito máis aló, que atentan contra o medio e tamén contra o civismo”, sinala a alcaldesa, Mónica Rodríguez.

As autoridades xa coñecen da situación, e traballan en posibles pistas para atopar ás persoas responsables dun acto que “non responde nin representa, en todo caso, a como se comporta a veciñanza de Vimianzo con respecto ao coidado da natureza”, afirman desde o goberno local.

Desde a Administración local insisten, novamente, en que “existen espazos para depositar este tipo de refugallos. Concretamente, un Punto Limpo no parque empresarial, que funciona os xoves de 9.00 a 13.00 e de 15.00 a 19.00 horas, así como sábados de 10.00 a 14.00 horas, ademais do servizo de recollida a domicilio, que se leva a cabo unha vez ao mes.

Pódese contactar de balde no teléfono 698 148 504 ou no enderezo electrónico puntolimpo@vimianzo.gal