Vinte edición da Festa da Filloa da Pedra da Baña

O pavillón de San Vicenzo abre as súas portas o domingo ás 9.30 » A zoqueira Elena Ferro será a encargada de dar o pregón

O Concello porá en funcionamento 20 pedras no pavillón de San Vicenzo

O Concello porá en funcionamento 20 pedras no pavillón de San Vicenzo / CEDIDA

B.C.

A Festa da Filloa da Pedra chega este domingo á súa vinte edición, a primeira na que o Concello da Baña se fai coas rendas da organización e porá en funcionamento no pavillón de San Vicenzo un total de vinte pedras de propiedade municipal. A festa, con vocación dinámica e participativa, contará cun mercado de artesanía, obradoiros de oficios tradicionais, diversas actuacións musicais e espazo infantil, mentres que o pregón correrá a cargo da zoqueira Elena Ferro.

O Festa da Filloa da Pedra 2024 abrirá as súas portas ás 9.30 horas co mercado de artesanía. Máis de trinta expositores ofrecerán todo tipo de produtos nunha carpa situada a carón do polideportivo. Tamén a esa hora comezarán a funcionar as pedras para atender a demanda do público durante todo o día, nesta ocasión ao prezo dun euro cada filloa e cun límite de cinco unidades por persoa. O manxar bañense poderá acompañarse, ademais, de racións de chourizo e orellas.

A festa completa a degustación con actividades de diversa índole, programadas para entreter os asistentes de todas as idades. Así, tanto pola mañá como pola tarde, o público poderá gozar de demostracións en vivo de oficios tradicionais a cargo de artesáns que traballarán a forxa e o torno de ballesta, ademais de tallar madeira ou facer sanscosmeiros.

Entre as actuacións musicais, destacan as propostas da Escola de Música Tradicional da Baña e de agrupacións da contorna. Gaiteiros e pandeireteiras comezarán a encher a festa de sons tradicionais ás 11.30 horas e amenizarán tamén a tarde, a partir das 16.00 horas, xunto á agrupación coral CantoenCanto. Estarán apoiados na dinamización da festa por charangas ben coñecidas polos seus animados espectáculos de rúa como o dos Celtas, que conta con integrantes da Baña; dos Tabernícolas de Leiradal e da nicrariense Mekanica Rolling Band.

Unha novidade con respecto a edicións anteriores será a actuación ao mediodía do grupo Río de Anxo polas rúas de San Vicenzo, levando a Festa da Filloa máis alá da contorna do pavillón. Chegará despois o pregón da man de Elena Ferro, artesá pertencente á terceira xeración dunha familia de zoqueiros amplamente recoñecida por ser quen de poñer de moda con novos deseños un calzado tradicional que estaba practicamente en desuso.

O público miúdo terá tamén un espazo infantil de seu na Festa da Filloa da Pedra. Toda a familia está convidada pola tarde ao espectáculo do home orquestra Cé Orquestra Pantasma e poderá gozar tamén con xogos populares.

Tres áreas de estacionamento

Todas aquelas persoas que queiran pasar o día na festa ou aproveitar para xantar, terán á súa disposición unha polbeira e, para facilitar o acceso, habilitaranse tres áreas de estacionamento. Unha, detrás da escola de música Emilio Andújar; outra, fronte á nave municipal; e unha terceira, ao lado do río.

LE AQUÍ O ESPECIAL FESTA DA FILLOA DA PEDRA DA BAÑA EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL FESTA DA FILLOA DA PEDRA DA BAÑA EN PDF