Entrevista | Anxo Arca Alcalde de Padrón

“Presionarei en Madrid e na Xunta para resolver os problemas de Padrón”

Gañar poboación, aprobar un novo Plan Xeral, conseguir unha residencia da terceira idade, arranxar o centro de saúde ou acabar coa inseguridade na N-550... Son moitos os retos que afronta o rexedor padronés, o socialista Anxo Arca. Pero o desafío máis inmediato non é menor: superar con éxito a súa primeira Pascua á fronte do Concello

O alcalde de Padrón, o socialista Anxo Arca

O alcalde de Padrón, o socialista Anxo Arca / Jesús Prieto

Padrón está ás portas da Pascua, o momento máis importante do ano para os veciños. Que expectativas ten de cara á súa primeira Pascua como alcalde?

As expectativas son boas. Todo está preparado e este ano reforzando aspectos como a iluminación e con actuacións de calidade. Son unhas festas 360, que combinan a vertente deportiva, a relixiosa, a cultural... Pero unha das cousas que non pode controlar un alcalde é o tempo, así que aí estamos á expectativa.

Di que vai haber máis luces. Será para non defraudar ao alcalde de Vigo, que será o pregoeiro...

Claro, non podiamos ser menos (risas). Non vou dicir eu que Padrón sexa o Vigo da provincia da Coruña, pero as festas viñan esmorecendo e vimos que era conveniente reforzalas. Temos que amosar a mellor imaxe de Padrón.

Está dando moito que falar a elección de Abel Caballero. É consciente de que hai moitas críticas a esa decisión?

Creo que nunca se falou tanto dun pregoeiro das festas da Pascua. Primeiro obxectivo, conseguido. Esa expectación está creada e Abel Caballero nunca defrauda.

Houbo que convencelo?

En absoluto. Aceptou ao momento. Vai ir moi ben, porque, ademais, será presentado pola padronesa Belén Xestal, unha comunicadora de primeiro nivel. O problema é a ver como quedo eu, que non teño esa simpatía... Farase o que se poida.

É medible o impacto económico que ten a Pascua para Padrón?

É incalculable. O impacto é enorme, quizais equiparable ao da Guadalupe en Rianxo.

Leva nove meses como alcalde, tras doce anos de mandato do PP. Como está sendo gobernar Padrón?

Está sendo duro, pero o equipo está centrado e sacando adiante o programa de traballo que temos. Oconcello tiña carencias en todos os territorios e necesidades como o mantemento das instalacións públicas municipais. Eu entro no centro de saúde e non sei se é o centro de saúde de Padrón ou de Chernóbil. O informe dos técnicos cifra en 1.085.000 euros o investimento que sería necesario facer alí. Tivemos que pechar a escola infantil municipal e abrir unha provisional porque non estaba en condicións de salubridade e teremos que investir nela máis de 800.000 euros. Pero estamos facendo que en Padrón se note xa un cambio a mellor.

Falando de cambios, como mudou a súa vida persoal dende que é alcalde de Padrón? 

O outro día dinme conta de que levaba dúas semanas sen ver a miña nai, e traballamos a cen metros. As amizades xa saben que estou desaparecido... Faise o que se pode.

Así é a política local...

Si, moi absorbente. Pero sempre pensamos que imos máis lentos do que nos gustaría. Non se pode gobernar se o alcalde está ausente.

Cal é o gran reto do mandato?

Hai moitos. Un deles: Padrón non ten residencia da terceira idade. Todo o mundo sabe que é unha necesidade e farei o que estea na miña man para que a Xunta nola conceda.

Hai boa relación coa Xunta?

A Xunta ten días. Coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, ben. Pero estamos á espera de que outros departamentos nos atendan. Por exemplo, o de Sanidade. Pero do Goberno de España tamén necesitamos cousas. Os territorios da Ponte, Iria Flavia ou A Escravitude, que é por onde pasa a N-550, teñen unhas necesidades moi apremiantes de beirarrúas para aumentar a seguridad viaria.

E hai disposición?

Hai boa vontade e esperemos que se materialice canto antes. Farei a mesma presión ante Madrid que ante a Xunta porque necesito solventar os problemas que ten Padrón.

Outro reto é a perda de residentes no centro urbano e, particularmente, na zona vella, non?

Somos conscientes. Non se pode entender que un municipio como Padrón, cunha industria potentísima, con Finsa, coa Corporación Cortizo, con Exlabesa... e con pouco desemprego, teña problemas de poboación. Que pasa? Que a xente traballa en Padrón, pero non se asenta en Padrón. E isto ten que ver con que o noso Plan Xeral é do ano 94 e non temos aprobado o Plan Especial do Casco Histórico. Isto fai que xente que quere construír unha vivenda teña que esperar moito pola licenza. Ao final, a xente vai a outros lugares. Hai que aprobar canto antes o Plan Especial e o Plan Xeral, porque me consta que a xente quere vivir en Padrón e son moitos os promotores que queren construír aquí. Temos un mercado de vivenda totalmente saturado, algo no que tamén inflúe o impacto da vivenda turística.

O peche de comercios é outro dos problemas que ten a localidade...

Si, son consciente. Hai algunha rúa da localidade onde non hai ningún baixo comercial ocupado. Pero isto tamén depende da perda de poboación. Estamos barallando posibilidades como que os baixos comerciais poidan ser utilizados como aloxamentos turísticos. Ideas e tempo de traballo hai, pero sempre temos a sensación de que imos máis lentos do que nos gustaría.

O que indubidablemente vai ben é o turismo, non?

Así é. O Camiño Portugués vai á alza e é un soporte moi importante para Padrón, tanto económico como de coñecemento do pobo.

Co tecido empresarial que ten Padrón, tenlles que ir ben por forza...

Si, e ademais son empresas que queren que haxa un retorno no seu ámbito máis próximo. Por exemplo, a Corporación Cortizo acaba de financiar un mural na escola infantil de Extramundi, Grúas Estación cedeunos o guindastre, Finsa cédenos moito material ou pónnolo a prezo de custo, etc. Fan que non teñamos moitos problemas de paro e, á vez, colaboran co Concello para que todo vaia mellor.

Colaboración coas empresas... e coa oposición, como son as relacións? Cando se aprobaron os orzamentos, o BNG acusouno de actuar de maneira prepotente.

Non vou entrar nesas valoracións. Intentamos facelo o mellor posible e consideramos que ter uns orzamentos municipais aprobados en tempo e forma era fundamental para acceder a todo tipo de subvencións. Intentaremos ter uns orzamentos mellores e máis negociados de cara á vindeira anualidade.