Os empresarios do turismo lanzan ‘A Costa da Morte: confín de Europa’, unha completa guía de 450 páxinas

O autor da obra, Xan Fernández Carrera, repasa xeografía, historia, lendas, gastronomía e rutas da zona // Editouse en galego e castelán

Pola esqda., Guillerme Iglesias, de Asteria Beache;Damián Álvarez, de Gubem Event;Rosa Sánchez, de Casa de Trillo; Pepe Formoso, presidente de APTCM; e Xan Fernández, autor da guía, na presentación

Pola esqda., Guillerme Iglesias, de Asteria Beache;Damián Álvarez, de Gubem Event;Rosa Sánchez, de Casa de Trillo; Pepe Formoso, presidente de APTCM; e Xan Fernández, autor da guía, na presentación / Cedida

Suso Souto

A Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM) entregou aos alcaldes e alcaldesas dos concellos do xeodestino Costa da Morte exemplares do libro A Costa da Morte: confín de Europa, de Xan Fernández Carrera.

Os libros distribuiranse nas bibliotecas municipais e oficinas de Turismo. O acto tivo lugar este martes nas instalacións do Club Náutico de Razo, no municipio de Carballo, e contou coa participación de Xosé Manuel Merelles, de Turismo de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña; e o autor da mencionada publicación, Xan Fernández.

Esta iniciativa amosa as sinerxias entre os empresarios e as administracións públicas na procura de dinamizar o turismo do territorio.

Neste caso, os empresarios distribúen os libros e a Deputación da Coruña imprimirá aos concellos o mapa dos recursos turísticos que repartirá entre os empresarios.

A Costa da Morte: confín de Europa é unha guía completa do que é a Costa da Morte con dous apartados: un primeiro de achegamento ao territorio dende a súa xeografía, historia, lendas ou gastronomía; e outro de rutas. Unha guía de 450 páxinas, bilingüe, en galego e castelán, e con fotografías. A edición foi financiada por Turismo de Galicia.

NOVELA AMBIENTADA EN FISTERRA. Por outra banda, este venres ás 19.00 horas preséntase na casa consistorial de Fisterra a versión en castelán da novela El viaje al fin del mundo. Los buscadores, publicada pola editorial Evohé e da autoría do xornalista e escritor Manuel F. Rodríguez. No acto intervirán a alcaldesa, Áurea Domínguez; o empresario Pepe Formoso; e o autor.

A novela, que ten en Fisterra e os seus significados lendarios o eixo da súa narración, parte do roubo en 1906 na catedral de Santiago da cruz grega de Alfonso III O Magno, unha xoia de ouro e pedras preciosas adorada durante séculos polos peregrinos europeos. A obra, distribuída en toda España, presentouse xa en Madrid e, despois de en Fisterra, darase a coñecer en Burgos e Albacete.

TEMAS