A lucense Irene Pin gaña o Premio á Mellor Dirección no festival Carballo Interplay pola webserie ‘Renta-a-pal’
O galardón para proxectos de contido dixital en galego foi para a serie ‘Delirio Sketch’ // María Rúa foi recoñecida como creadora

A directora lucense Irene Pin / Cedida
Suso Souto
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay despide a undécima edición, marcada polo recoñecemento ao talento galego emerxente nos ámbitos audiovisual e dixital.
Este domingo tivo lugar o espectáculo CFA. Lasamigas Productions, da man de Carolina Iglesias e Laura Márquez, que repasaron os seus referentes e inspiracións do mundo audiovisual e dixital, e despois celebrouse a entrega de premios, nun acto cheo de risas presentado polo dúo cómico Izquierdo Sisters.
Por primeira vez na historia do festival un proxecto galego acada o premio á Mellor Dirección. A lucense Irene Pin levouse o galardón, dotado con 200 €. A webserie Rent-a-pal conta a experiencia de Andrea, unha rapaza que comeza a traballar nun negocio moi singular, unha empresa de alugueiro de amigos. O xurado destacou a “resistencia a adaptarse a unha estrutura narrativa fácil e coñecida para tomarse o seu tempo e peitear coidadosamente os anacos contemporáneos da vida”.
Este xurado tamén otorgou o premio á Mellor Serie a Historia Mal, dirixida polo andaluz Daniel Cervantes, unha obra de animación coa que lle dan unha volta á historia ou, como sinalan os autores, “con máis improvisación que historia”. Neste caso o xurado destacouna como “divertida, intelixente e estrafalaria” demostrando que “os cartos non son problema cando se ten talento e coñecemento”. O premio económico neste caso é de 800 €. A serie conquistou tamén ao público que se achegou ao mercado a coñecela e cos seus votos concedeulle o Premio do Público, de 400 €. A webserie Bananas, enviada dende República Checa, recibiu a mención especial.
O Premio do Xurado Novo, dotado con 400 €, destacou a webserie china Monster Diner, sobre monstros agochados entre humanos.
No caso do Premio ao Mellor Proxecto de Contido Dixital en Galego, os gañadores foron o equipo da serie Delirio Sketch, co seu proxecto de serie de comedia. O Carballo Interplay aporta con este recoñecemento 3.000 € para a produción da serie.
Por último, nesta edición estreouse o Premio ao Mellor Creador e Canle de Contido Dixital en Galego. Dez finalistas en ambas categorías (dotadas de 600 € cada unha) presentaron proxectos. A creadora de contido María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa, foi a gañadora pola súa “autenticidade e carisma especial, a calidade lingüística do seu contido e a rotundidade para defender causas que considera xustas.
Na categoría de Mellor Canle o gañador foi o videopodcast O Faiado, realizado por estudantes da Universidade de Santiago, polo dominio da comunicación en redes sociais.
- Lunes de borrasca y lluvias intensas en Galicia... pero con el anticiclón en el horizonte
- Rodada en Santiago y ambientada en el Entroido gallego: así es la nueva película que llega a Prime Video
- Martiño Noriega, ex alcalde de Santiago, y su noche especial de concierto en pleno Entroido
- Aviso a los conductores: una calle del centro de Santiago permanecerá cortada al tráfico durante 24 horas
- Conflicto de buses en Santiago: 'Se non hai avances poderiamos levar a asamblea a reactivación da folga
- Estos son todos los cortes de tráfico por el desfile de Carnaval de este martes en Santiago
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo
- Hasta cinco tapas gratis por consumición: la nueva cafetería que no querrás perderte en el corazón de Santiago