TURISMO

Aposta na Costa da Morte polo turismo ornitolóxico para desestacionalizar o sector

Esta franxa litoral conta con catro roteiros sinalizados

Xuntanza na Fundación Eduardo Pondal do proxecto Novemares

Xuntanza na Fundación Eduardo Pondal do proxecto Novemares / Novemares

J. M. Ramos

Visibilizar o turismo ornitolóxico como unha proposta para desestacionalizar o turismo na Costa da Morte e como iniciativa para o desenvolvemento azul sostible é unha das conclusións extraídas das xornadas Camiños do Mar de Novemares, promovidas pola Fundación Eduardo Pondal e o Grupo Local de Acción Pesqueira (GALP). Na última xuntanza contaron coa participación do biólogo Xabier Vázquez Pumariño, quen puxo de manifesto que o turismo cultural de natureza medra e o ornitolóxico, máis.

En Galicia hai 400 rutas de turismo ornitolóxico, catro delas sinalizadas na Costa da Morte, ademais das que se realizan en barco. Os cabos Touriñán e Roncudo, a lagoa de Traba, Illas Sisargas, o esteiro de Ponteceso e a lagoa de Baldaio son algúns deses espazos privilexiados para observar as aves. Vázquez Pumariño sinalou que o primeiro paso para promocionar a ornitoloxía “é coidar o recurso, o patrimonio natural”, ademais de apostar pola educación ambiental desde as escolas á poboación en xeral.

TEMAS