Formación específica: Boiro avanza na profesionalización da hostalería no Barbanza

Aos cursos sobre carnes, produtos do mar ou envasado súmanse os de técnicas de cociñado, empratado e presentación de menús

Un grupo de alumnas do novo curso de técnicas de cociñado, decoración e empratado

Un grupo de alumnas do novo curso de técnicas de cociñado, decoración e empratado / Cedida

Suso Souto

Os dezaseis fogóns da Escola de Hostalería de Boiro (inaugurada en 2011 no complexo formativo de Espiñeira) están a pleno rendemento. O Concello tomou as rendas da profesionalización do sector no Barbanza cunha cadea de ciclos de formación específica e transversal.

Trátase do Programa Integrado de Emprego, que o Concello de Boiro leva a cabo coa colaboración dos de Rianxo e A Pobra, e no que 14 mulleres se forman estes días en aplicación de fundamentos básicos de cociña e técnicas culinarias de cociñado e preparación de carnes, peixes, verduras e hortalizas, así como en decoración e empratado para a presentación de menús.

Este curso forma pare do itinerario formativo do sector hostalería-hotelería, para o que se van iniciar os trámites de intermediación laboral con empresas para lograr insercións laborais no sector.

O programa ten como obxectivo acadar a inserción laboral dun mínimo de 45 mulleres. Está destinado a cen féminas da comarca inscritas como demandantes de emprego que, durante un ano, reciben formación específica e participan en xornadas formativas destinadas a mellorar as súas habilidades para a empregabilidade e a inserción laboral. O curso consta de módulos formativos de envasado, acondicionado e embalaxe de produtos alimentarios; sistemas e procesos loxísticos; marketing online; atención ao cliente; preparado de produtos do mar, etcétera.

PRÁCTICAS EN EMPRESAS DA COMARCA. Ademais da formación en módulos específicos, o programa inclúe outras accións transversais, como a formación para a mellora da empregabilidade, habilidades sociolaborais, idiomas, novas tecnoloxías, prospección de ofertas, deseño de currículos… Todas as participantes contan cunha bolsa de asistencia de dez euros ao día e un módulo de prácticas específicas en empresas da comarca do Barbanza.

O programa está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o servizo Público de Emprego Estatal.