MEDIO AMBIENTE

Mar de Fábula pide ao Seprona que investigue a acumulación de pélets e microplásticos en Caión

Vinte voluntarios limparon o areal das Salseiras

Avogan por involucrar a autoridades e sociedade para pechar as "billas de contaminación"

Voluntarias e voluntarios que limparon a praia das Salseiras, en Caión

Voluntarias e voluntarios que limparon a praia das Salseiras, en Caión / Mar de Fábula

J. M. Ramos

Vinte voluntarias e voluntarios atenderon a chamada de Mar de Fábula para limpar o areal das Salseiras, en Caión (A Laracha), onde recolleron bastonciños de algodón (334), aplicadores de tampóns (11), cabichas e boquillas de plástico (9), tapóns (135), cordas e cordeis (19), plásticos de bateas (12), precintos de cremas solares (9) e milleiros de microplásticos e pélets de resina.

A presidenta de Mar de Fábula, Virginia Barros, confirmou ademais que “dende hai un mes temos posta unha denuncia ante o Seprona para investigar a posible orixe en terra dos pélets, pois negámonos a aceptar como normal esta situación”.

Anunciou ademais que volverán á praia das Salseiras “con máis medios e forzas renovadas para intentar devolverlle a dignidade”. Non obstante, entende que as accións dos voluntarios “deberían ir da man das autoridades e organismos pertinentes para ir pechando as billas de contaminación. Se non facemos entre todos o que esté nas nosas mans, estaremos desprezando a nosa casa grande, o noso planeta”.