Melide quenta motores para a 32 edición da Festa do Melindre co lema ‘Corazón doce’

Membros do concello presentaron onte a festividade no Fórum Gastronómico da Coruña ante centos de asistentes

Rodríguez, Pérez, Igrexas e Liñeira no Fórum Gastronómico da Coruña

Rodríguez, Pérez, Igrexas e Liñeira no Fórum Gastronómico da Coruña / Cedida

O Fórum Gastronómico da Coruña contou onte coa presenza de Melide grazas á presentación da 32ª edición da súa Festa do Melindre que se celebrará durante o 11 e o 12 de maio baixo o slogan 'Corazón doce'. A ocasión contou coa presenza de José Manuel Pérez, alcalde da vila, Xosé Igrexas, concelleiro de Comercio, Carmen Liñeira, concelleira de Política Social, Igualdade e Saúde, e Alberto Rodríguez, presidente da Asociación de Repostería Tradicional Melide Terra Doce.

O acto realizouse no stand instalado pola Deputación da Coruña e constou dunha demostración do proceso de elaboración dos doces máis famosos desta vila coruñesa, coa súa respectiva degustación posterior por parte dos asistentes. Pérez agradeceu “o espazo tan ben preparado para presentar a festa máis doce de Galicia” e fixo fincapé en que dende o consistorio queren “aportar a parte máis doce” da provincia da Coruña.

Durante a cita gastronómica o rexedor do municipio anunciou novidades para esta edición da festa como “accións cos embaixadores da festa na cidade da Coruña” entre as que figuran o reparto de melindres por establecementos hostaleiros da cidade. Ademais, levarán a cabo un showcooking con música en directo con Gorka Rodríguez, chef e propietario da Pulpeira de Melide.

Pola súa parte, o concelleiro de Comercio resaltou o evento como “a cita gastronómica máis importante da comarca de Melide”. Igrexas considera que esta festividade é “unha das de maior proxección de toda Galicia desde o ano 2013, no que foi declarada de Festa de Interese Turístico Galego”. Alén diso, o responsable de Comercio tamén tivo declaracións para os embaixadores dos melindres como “distinción de recoñecemento a persoas ou institucións polo seu labor promocional desenvolvido a prol de Melide”.

Este ano se lle concederá a distinción de embaixadores ao Museo Terra de Melide e a Paco Veiga, membro e fundador da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Rodríguez anunciou que o pregoeiro da festa darase a coñecer “xusto antes da festa, que naturalmente tamén será nomeado embaixador”. De momento, para o próximo luns e martes hai programados obradoiros de repostería tradicional en locais dos produtores destes doces para que os alumnos de 6º de primaria de Melide e Toques desenvolvan as súas habilidades de repostería.