Os embaixadores rianxeiros da música

Cincocentos estudantes de Rianxo participan na gravación de catro cancións con Xurxo Xouto, Sés, Pauliña e Dios Ke Te Crew // Un dos temas está baseado nun poema do crego e escritor local Faustino Rey Romero // A iniciativa partiu dos organizadores do festival Rock in Rian, que xa ten data e cartel 

Xurxo Xouto, este venres entre os alumnos do Colexio Castelao, interpretando un tema baseado nun poema de Faustino Rey Romero

Xurxo Xouto, este venres entre os alumnos do Colexio Castelao, interpretando un tema baseado nun poema de Faustino Rey Romero / Cedida

Suso Souto

Máis de 500 rapaces e rapazas de Rianxo participan na gravación de catro cancións con catro relevantes artistas e grupos da escena musical galega: Pauliña, Xurxo Souto, Sés e Dios Ke Te Crew. A iniciativa forma parte do proxecto Embaixadores Rock in Rian, impulsado pola organización do festival do mesmo nome, que pretende achegar a música galega e os seus protagonistas aos máis cativos, pero dun xeito participativo, para que non só sexan os espectadores, senón tamén os protagonistas.

As sesións comezaron este venres ás dez da mañá no auditorio municipal de Rianxo con 150 nenos e nenas do Colexio Brea Segade, que gravaron coa cantante cambadesa Pauliña a canción Nais e avoas.

Ao mediodía fixeron o mesmo outros 150 alumnos e alumnas do Colexio Castelao, acompañados de Xurxo Souto. Nesta ocasión interpretaron un poema de Faustino Rey Romero versionado polo profesor de Música do Brea Segade, Xosé Luis Dopico, con música de Alfredo e Bernal Muíños, entre outros. As gravacións continuarán o luns. Tamén ao redor de 150 estudantes do Colexio Ana María Diéguez gravarán coa cantante Sés o tema Tempestades de sal.

Ao mesmo tempo, uns 60 alumnos e alumnas de Secundaria do IES Félix Muriel de Rianxo desprazaranse o luns ata Ordes para rexistrar o tema OG xunto ao grupo Dios Ke Te Crew nos seus estudos de gravación.

A banda celebrou en decembro os seus vinte anos nos escenarios.

E precisamente Dios Ke Te Crew, Pauliña e Sés son tres dos protagonistas do cartel da vindeira edición do festival Rock in Rian, que se celebrará en Rianxo os días 6 e 7 de setembro. Aínda que quedan varias bandas por confirmar, xa se sabe que xunto a eles actuarán tamén a formación valenciana de reggae, con toques de ska, ragga e rap Auxili, que deleitará aos asistentes coas súas cancións cargadas de mensaxes reivindicativas, como a desigualdade social ou o sistema capitalista; os vascos Skabidean, que veñen de publicar o seu cuarto disco, con toques de ska, reggae e rocksteady; Kaotiko, co seu noveno traballo, Sin filtro; Alamedadosoulna, de ritmos ska-reggae-soul; e La Duendeneta.

Por outra banda, a Asociación Rock in Rian convocou a terceira edición do seu Concurso de Bandas Emerxentes, destinado a grupos e artistas con traballos discográficos propios e autoeditados. Xa se presentaron 20 grupos. A primeira votación para elixir aos 5 finalistas será a través da web do colectivo do 15 de abril ao 5 de maio. A final será nun concerto o 25 de maio na Praza da Urbanización A Martela. O primeiro premio consiste en actuar no Rock in Rian, máis 500 €, e o segundo, na actuación nun evento da entidade e un pack de merchandising do festival.