“Exército Mekemeke”: o podcast en galego con acento amesán que chegou aos Ondas

O formato colleitou a primeira nominación da historia na lingua da comunidade

Os programas grávanse na radio local de participación cidadá situada en O Milladoiro

Os integrantes do podcast Exército Mekemeke durante o festival Carballo Interplay

Os integrantes do podcast Exército Mekemeke durante o festival Carballo Interplay / Cedida

Carlos Vieito (Santa Comba, 1992) é o presentador e produtor do “Exército Mekemeke”, o podcast que xurdiu en 2021 e que colleita milleiros de visualizacións nas redes sociais. Ademais, vén de lograr un fito histórico: a primeira nominación dun podcast en lingua galega nos Premios Ondas. Vieito é politólogo e comunicador e, aínda que “leva Santa Comba no corazón”, actualmente reside en Ames, concello que lle outorgou a posibilidade de desenvolver un formato audiovisual para a “Xabaxeración”, é dicir, a xeración que creceu vendo o Xabarín Club na Televisión de Galicia (sobre todo, os nacidos na década dos 80 e 90). Este amesán coa colaboración do músico, Xabier Dios; a actriz, Lidia Veiga, e o cineasta, Miguel Gómez Abad, trata todo tipo de temas dende o ton humorístico e a perspectiva “de aquí” dos momentos que marcaron a infancia de milleiros de galegos e galegas.

En relación á nominación dos Premios Ondas na categoría Mellor Podcast en Lingua Cooficial do Estado, Vieito admite que “non o esperaba para nada” e incluso que cando enviou a memoria á organización dos galardóns fíxoo “con ton humorístico”. Ao final, o premio non quedo en Ames e marchou para outra comunidade. A pesar disto, Vieito móstrase “positivo e agradecido” xa que nunca pensaron en “saír nominados, nin moito menos gañar”, explica o presentador.

O nome deste formato audiovisual xorde da serie de debuxos Shin Chan, emitida pola canle TVG durante anos, un “símbolo para moitos galegos”. Co nome e a temática Vieito e o seu equipo pretenden dar entretemento a milleiros de persoas con “temas que nos unen a todos”, explica o comunicador. El pon o exemplo, con ton humorístico, das excursións que se realizaban no colexio ao museo Domus, onde “moitos estudantes viron o famoso do parto alí”, afirma o presentador.

Actualmente o “Exército Mekemeke” leva máis de 80 programas emitidos e máis que están en camiño. O seu creador sabe que o formato “non vai ser para toda a vida”, xa que as cousas que “duran moito aburren ao público”, pero síntese orgulloso de que el e o seu equipo deixen “unha pegada cultural” no sector audiovisual galego. Este programa, que ten contado con personaxes tan destacadas coma Pili Pampín, supón outro chanzo máis no camiño polo apoio e fomento das creacións dixitais na comunidade. Vieito destaca que é “complicado” desenvolver esta clase de proxectos cando tes que “compaxinar cun traballo a tempo completo”, pero móstrase “satisfeito co que están a colleitar”.