ENOLOXÍA

O albariño congregou centos de persoas na Festa do Viño da Ulla

Na mostra vinícola participan este ano doce adegas da contorna

O Pazo de Vista Alegre acolleu a sexta cata-concurso

Na última xornada nomearanse catro novos comendadores

Mostra dos Viños da D. O. Rías Baixas - Ribeira do Ulla

Mostra dos Viños da D. O. Rías Baixas - Ribeira do Ulla / Concello de Vedra

J. M. Ramos

A corenta e dúas edición da Festa do Viño da Ulla vive esta fin de semana os seus días grandes. Na xornada do sábado centos de amantes do albariño déronse cita en San Miguel de Sarandón (Vedra) para desfrutar e degustar os viños da subzona Ribeira do Ulla, da Denominación de Orixe Rías Baixas.

O día comezou coa sexta Cata Concurso dos Viños Rías Baixas - Albariño da Ribeira do Ulla, que se celebrou no Pazo Vista Alegre, un acto aberto ao público no que participou tamén o alcalde de Vedra, Carlos Martínez. Os nomes dos caldos e adegas gañadores deste ano daranse a coñecer este domingo na carpa da festa ás 13.15 horas.

Xa pola tarde, celebrouse unha ruta de coches antigos polos viñedos da Ribeira da Ulla, que congregou a ducias de vehículos de diferentes marcas e modelos que fixeron as delicias dos visitantes, e tamén dos seus propietarios e acompañantes.

Ás seis da tarde, no campo da festa de San Miguel de Sarandón abríronse as portas da da Mostra dos Viños da D. O. Rías Baixas - Ribeira do Ulla na que participan este ano doce adegas da contorna. Paralelamente, os visitantes poden desfrutar dunha exposición dos concellos que conforman a subzona vitivinícola: Boqueixón, Touro, Teo, A Estrada, Padrón, Silleda, Vila de Cruces e Vedra.

A oferta de actividades complementouse cun encontro literario cos autores da novela Calles de ida, e as actuacións da Charanga TNT, Armadanzas de Laraño, o grupo de danza urbana Lil-Kids, de Narón, os gañadores do programa Got Talent 2023 e o grupo de baile Os Campiños da Asociación Cultural San Campio. A xornada rematou cunha animada verbena amenizada pola orquestra París de Noia e unha disco móbil.

A Festa do Viño da Ulla rematará este domingo. O día comezará cunha ruta mototurística polos viñedos da ribeira do Ulla, e os expositores das mostras de viño e dos concellos reabrirán as súas portas ao mediodía. Ás 12.30 horas está programado un concerto da Escola de Música de Santa Cruz de Ribadulla. Despois, ás 13.15 horas, logo do saúdo do alcalde, chegará o pregón de Fran Cañotas, presentador do programa A voltas co prato, da TVG.

Cata-concurso de viños albariño da Ribeira do Ulla no Pazo Vista Alegre

Cata-concurso de viños albariño da Ribeira do Ulla no Pazo Vista Alegre / Concello de Vedra

De seguido procederase ao nomeamento dos novos catro membros da Orde dos Amigos e Amigas do Viño da Ulla, antes da entrega dos premios da sexta cata.

A música de Faiscas da Pontraga e a agrupación folclórica O Fiadeiro de Vigo amenizarán a sesión vermú. Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, comezará o festival Viño Son, que xuntará a Festicultores Troupe, Rebeldía e Familia Caamagno.

Quenes se acheguen ao campo da festa de San Miguel de Sarandón poderán desfrutar tamén da mellor gastronomía nas polbeiras instaladas no recinto, onde non faltan tampouco as atraccións infantís. Os visitantes non teñen que preocuparse polo estacionamento dos seus coches, xa que a organización habilitou uns amplos aparcadoiros.

TEMAS