A biblioteca de Padrón organiza obradoiros e xogos para conmemorar o Día do Libro

Cartel do mes do libro

Cartel do mes do libro / CEDIDA

redacción

O Mes do Libro xa comezou en Padrón cos preparativos das actividades que preceden ao día propio, o martes 23 de abril. O consistorio procura a promoción da lectura entre a cidadanía, recoñecendo o valor da literatura na sociedade e, ademais, homenaxear o labor dos autores. Coa mirada posta nesta xornada, a biblioteca municipal padronesa organiza tres actividades dirixidas aos cativos e ás familias. A primeira de todas ten lugar hoxe a partir das 18.00 horas, dirixida aos nenos e nenas desde un ata os cinco anos co nome O Xogo do Nano. Esta obra forma parte dos Nanocontos escritos por Raquel Queizás e pretende estimular as habilidades de percepción especial e psicomotricidade dos máis pequenos a través de historias adaptadas para captar o seu interese.

As outras actividades terán lugar o 23 e o 30 de abril. A primeira está destinada para toda a familia con Son super!, un obradoiro de arteterapia que comezará ás 17.00 horas. Os máis pequenos expresarán as súas emocións, sentimentos e experiencias mediante imaxes, trazos e cores. A segunda será o obradoiro Xogando coas nubes, indicado para idades dende os sete anos ata os quince. Os rapaces crearán deseños creativos con técnicas pop up.