Seis artistas expoñen as súas obras no centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate, en Cabana

Poden verse creacións de Mon Lendoiro, Josecho González, Maribel Castiñeira, Milagros Cotelo, Isabel Soutullo e Cristina Castro

O alcalde, José Muíño, esquerda, cos seis artistas

O alcalde, José Muíño, esquerda, cos seis artistas / Cedida

Suso Souto

O centro arqueolóxico Dolmen de Dombate, de Cabana, acolleu a inauguración da mostra A touza dos artistas, composta de xeito íntegro polas creacións de seis artistas da comarca de Bergantiños.

No acto, o alcalde de Cabana, José Muíño, e demais representantes do goberno local acompañaron a Mon Lendoiro (Carballo), Josecho González (Carballo), Maribel Castiñeira (A Laracha), Milagros Cotelo (Carballo), Isabel Soutullo (Coristanco) e Cristina Castro (Carballo), os autores e autoras cuxas obras, realizadas en diferentes técnicas, se poden visitar na considerada como catedral do megalitismo galego ata o 1 de xuño, de 10.30 a 13.30 e de 16.00 a 18.00 horas.

O rexedor fixo un convite tanto á veciñanza como ás persoas visitantes “a gozar dunha mostra única que reúne o talento da comarca ofrecendo unha experiencia diversa tanto na temática como no estilo das obras”.

Arte e patrimonio danse a man nesta mostra, no marco nun dos monumentos megalíticos mellor conservados. Xa era coñecido no século XIX por Manuel Murguía, pero a súa popularidade medrou cando o poeta Eduardo Pondal, natural e veciño de Ponteceso, lle dedicou un famoso poema en Queixumes dos pinos, en 1885.