Ames adxudica a pavimentación de viarios do núcleo de O Galiñeiro

Melloraranse 735 metros de accesos

A actuación inclúe tamén unha senda peonil

Estase a asfaltar a estrada de A Garea a Sandar

Plano das obras a executar no núcleo de O Galiñeiro, coas arquetas marcadas con cadros azuis e os pozos de rexisto con círculos de cor rosa

Plano das obras a executar no núcleo de O Galiñeiro, coas arquetas marcadas con cadros azuis e os pozos de rexisto con círculos de cor rosa / Cedida

Suso Souto

A xunta de goberno local de Ames aprobou o contrato de obras de pavimentación de viarios no núcleo de O Galiñeiro, en Agrón, á empresa Mantido S.L. por un importe de 125.889 euros (IVE incluído). Este proxecto está sufragado con cargo ao POS+ Adicional 2/2023.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, dixo que “o obxectivo é ir renovando e facer un mantemento dos camiños interiores das aldeas do rural”.

Esta actuación afecta ao viario principal, que conta con dous treitos de 300 por 4.20 metros e 60 por 3,80 metros; ao camiño de acceso a O Pazo, cunha lonxitude total de 250 metros e un ancho medio de 3; ao viario de acceso a lugar de O Galiñeiro, de 60 metros de lonxitude e 3,20 de ancho medio; e a un ramal de 65 metros de lonxitude e 3,20 de ancho, así como unha superficie de 150 m2 destinada a abanicos do viario. 

Ao longo de 350 metros dende o inicio do viario principal e ata a entrada do núcleo de O Galiñeiro executarase unha senda peonil cun ancho medio de 1,80 metros. 

A rede de recollida de augas pluviais realizarase mediante canalización de polipropileno de 400 milímetros de diámetro. Na cuneta transitable disporanse arquetas con sumidoiro e no núcleo empregaranse arquetas con sumidoiro e canles de fundición dúctil con reixa para protexer a entrada dalgunhas vivendas. 

Para a rede de alumeado público disporase en toda a actuación unha canalización de poliproplieno de 90 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o drenaxe lonxitudinal e transversal dos viarios, a súa sinalización horizontal e a colocación de 4 sinais de stop.

Tamén se están a desenvolver obras de pavimentación das estradas de A Garea e Sandar, na parroquia de Agrón. Estas obras foron adxudicadas á empresa Aquablue Sistemas Constructivos S.L. por un importe total de 239.766,30 euros (IVE incluído). O proxecto, que forma parte do POS+2022 da Deputación Provincial da Coruña, ten por obxecto que as estradas de ambos núcleos estean correctamente acondicionadas, incrementando a súa funcionalidade e seguridade. 

GASAMÁNS. Por último, a xunta de goberno local aprobou a adxudicación das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns, tamén na parroquia de Agrón, a Obras y Viales de Galicia S.L., por 131.420 €. As actuacións, que se enmarcan no POS+ 2023, contemplan a mellora dos camiños interiores do núcleo e das vías de acceso.