A depuradora de Arca estará rematada este verán e dará servizo a cinco núcleos do Pino

A conselleira de Medio Ambiente visitando as obras da depuradora de Arca, que estará operativa no verán

A conselleira de Medio Ambiente visitando as obras da depuradora de Arca, que estará operativa no verán / Cedida

Suso Souto

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron este martes as instalacións da nova depuradora de Arca, que estará rematada antes do verán e na que a Xunta fixo un investimento de 2 millóns de euros. A nova planta beneficiará aos núcleos do Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón, “e solucionará un grave problema de depuración que tiñamos en Arca, polo que nos axudará a coidar o medio natural e a calidade das augas dos nosos ríos”, indicou Manuel Taboada.

A obra consiste na dotación dunha estación de bombeo de augas residuais, o acondicionamento de 1.230 metros dun colector existente na marxe do rego do Burgo, unha estación depuradora de augas residuaise a instalación de 640 metros de novas conducións para conectar coa nova depuradora.

Dará servizo a uns 1.200 veciños, pero terá capacidade para atender a unha poboación equivalente de máis de 3.000 habitantes, o que supón que estea preparada para afrontar posibles incrementos futuros da poboación na parroquia.