POLÍTICA LOCAL

Denuncian que o Concello fisterrán paga un seguro de saúde privado ao persoal funcionario

Alternativa dos Veciños, o grupo que ostenta o goberno local, considera que "é un escándalo"

Aseguran que ten un custo para as arcas municipais de 7.000 euros ao ano

A alcaldesa, Áurea Domínguez, cos dous concelleiros de Alternativa dos Veciños

A alcaldesa, Áurea Domínguez, cos dous concelleiros de Alternativa dos Veciños / AV Fisterra

J. M. Ramos

Alternativa dos Veciños, o grupo político que ostenta o goberno municipal de Fisterra, vén de denunciar a existencia dun seguro de saúde privado para o persoal funcionario do Concello e para as súas familias “o cal nos parece un auténtico escándalo”, afirma Juan Francisco Martínez, responsable local.

Todo o persoal está incluído no réxime xeral da Seguridade Social, “polo que este seguro privado é innecesario e inxusto”, engade. Sinala ademais que só beneficia “a unha minoría” porque na Relación de Postos de Traballo “só hai cinco prazas de funcionarios e as vinte e oito restantes son de persoal laboral”.

Solicitaron ao secretario-interventor un informe e documentación sobre a legalidade do referido seguro, “xa que pensamos que esa póliza debeu ser contratada dun xeito irregular, pois non consta a existencia dun acordo negociado”. Por iso, Juan Francisco Martínez asegura que “esta situación débese resolver de inmediato, xa que a póliza en cuestión cústalle ás arcas municipais case 7.000 € ao ano”.

Agora que xa tomou posesión da praza de secretario-interventor un funcionario habilitado de cáracter nacional, “non existe ningún motivo para que non se regularicen todas estas situacións”, conclúe Martínez.