LITERATURA

Francisco Antonio Vidal Blanco recolle en Gres o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia

Foi galardoado pola súa obra 'O dedo e o monstro'

Francisco Vidal, esda., Maximino Míguez, Ramón D. Veiga e Fernando Redondo

Francisco Vidal, esda., Maximino Míguez, Ramón D. Veiga e Fernando Redondo / Cedida

Redacción

O ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco recolleu o pasado sábado en Gres, en Vila de Cruces, o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia 2024, pola súa obra O dedo e o monstro. O galardón convócase anualmente pola Fundación Xosé Neira Vilas, con apoio da Dirección Xeral de Cultura, co obxectivo de lembrar e honrar a figura da escritora Anisia Miranda.

Desde a Fundación Xosé Neira Vilas salientan que a obra premiada destaca, fundamentalmente, pola “mestría da súa construción dramática e a habilidade na elaboración dos diálogos a través de frases curtas que axilizan o texto e outorgan dinamismo e diversión”.

O xurado estivo composto polos membros do Padroado da Fundación Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán Vello, xunto con Euloxio R. Ruibal, dramaturgo e membro da Real Academia Galega.

No acto de entrega do galardón tamén se presentou a obra premiada na edición do pasado ano. Trátase de Medo me dá, de Ramón Domínguez Veiga, editada por Embora.