Teo distingue os seus novos fillos adoptivos que "dan a coñecer o Concello ao resto do mundo"

A escritora Paula Carballeira, o artista plástico Quintana Martelo e o xurista Vázquez Portomeñe son, para a alcaldesa “os “mellores embaixadores” que pode ter a localidade

A alcaldesa de Teo, esquerda, cos novos fillos adoptivos da localidade, e o presidente do Parlamento e o conselleiro de Educación

A alcaldesa de Teo, esquerda, cos novos fillos adoptivos da localidade, e o presidente do Parlamento e o conselleiro de Educación / Jesús Prieto

“Non hai mellores embaixadores que eles”, proclamou a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, no acto celebrado este sábado no auditorio municipal Constante Liste no que o Concello recoñeceu publicamente os seus novos fillos adoptivos: a escritora Paula Carballeira, o artista plástico Manuel Quintana Martelo e o xurista e exconselleiro Víctor Manuel Vázquez Portomeñe.

Un recoñecemento co que o Concello de Teo premia a contribución dos galardoados no mundo das belas artes, o turismo e a literatura. “Estas mencións permiten vencellar directa Teo coa cultura, dando a coñecer este Concello ao resto o mundo”, engadiu a rexedora. Os novos fillos adoptivos de Teo son, para Lucía Calvo, exemplo de “traballo, esforzo e constancia”, uns “ilustres veciños” cuxo legado “cómpre preservar”.

“Ter un fogar ao que volver e ter a familia que ti escolles esperando por ti é moi importante”

Paula Carballeira

— Escritora

En palabras da alcaldesa do PP, as mencións permitirán poñer en valor esa contribución entre as xeracións presentes e as futuras, “promovendo o patrimonio cultural galego entre a veciñanza e potenciando os grandes tesouros de Galicia”.

Numerosas autoridades

Ao acto asistiron numerosas autoridades, encabezadas polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; os conselleiros de Educación, Román Rodríguez, e de Facenda, Miguel Corgos; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director xeral de Familia, Jacobo Rey; alcaldes e edís de localidades veciñas como Boqueixón, Rois, Oroso, O Pino, Trazo e Ames, así como o voceiro do PP en Santiago, Borja Verea. Tamén asistiron artistas e deportistas de elite, deputados e concelleiros da corporación municipal.

“Sentinme un teense máis, ligado a esta terra, á súa tranquilidade, ás rutas que tanto percorrín”

Manuel Quintana Martelo

— Artista plástico

A música correu a cargo do cantautor Manoele de Felisa, que enfeitizou o auditorio coa súa interpretación de Negra sombra, e do grupo Música en mis Manos, co que interpretou o tema O Alalá de Muxía.

Un Concello que xa é "fogar" para eles

Tras o visionado dun vídeo cos feitos máis salientables da súa biografía e de recoller os premios e o diploma que os acredita como filla e fillos adoptivos, os homenaxeados agradeceron a distinción e a hospitalidade dun Concello que xa é “fogar” e “familia” para eles, como subliñou Paula Carballeira. “Sentinme un teense máis”, asegurou Quintana Martelo, en tanto que Portomeñe amosou que mantén intactas as súas dotes oratorias ao agradecer un recoñecemento que levará “no corazón”.

“Esta distinción irá comigo de por vida mentres eu alente. Levareina no corazón”

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

— Xurista e exconselleiro

O nomeamento dos novos fillos adoptivos de Teo foi aprobado en sesión plenaria por iniciativa da Alcaldía e contou co apoio dos

representantes do PP, o PSOE e o BNG e a abstención do PXCT.

"Ilustres veciños"

O artista Manuel Quintana Martelo ostenta actualmente a presidencia da Real Academia Galega de Belas Artes, onde, baixo o seu mandato, puxo en marcha o Día das Artes de Galicia, conseguindo levar a arte galega -por primeira vez- ao Museo do Prado de Madrid.

A escritora Paula Carballeira foi gañadora ata en tres ocasións do premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: en 2007 por Boas Noites, en 2011 por O refugallo e en 2018 por Somos os monstros. Ademais, o pasado ano foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática que concede o Ministerio de Cultura y Deporte pola súa obra As alumnas.

E Víctor Manuel Vázquez Portomeñe puxo en funcionamento o Centro Superior Bibliográfico de Galicia, impulsando a rede de infraestruturas culturais a través da creación de casas de cultura nos municipios de Galicia. Así mesmo, sendo conselleiro de Educación con Xerardo Fernández Albor, canalizou a asunción de competencias de xestión do sistema educativo e da ordenación universitaria, conseguindo a plena escolarización en Galicia. En 2010 recibiu a Medalla de Ouro de Galicia polos seus traballos a prol do turismo e da promoción do Ano Santo Xacobeo en Santiago.

TEMAS

CONTENID

Suscríbete para seguir leyendo