Val do Dubra xuntou cincocentas vinte persoas na festa homenaxe aos maiores do municipio

Na xornada festiva non faltaron a música e as sorpresas

Un total de 520 persoas desfrutaron da Festa dos Maiores

Un total de 520 persoas desfrutaron da Festa dos Maiores / CEDIDA

REDACCIÓN

Un total de 520 persoas desfrutaron este sábado da Festa dos Maiores de Val do Dubra, unha xornada que serviu de punto de encontro entre dubreses e dubresas así como de recoñecemento polo papel que os maiores teñen na sociedade.

A xuntanza arrancou cunha comida para os veciños e veciñas, na que participaron tamén os membros da Corporación local, encabezados polo alcalde, Diego Luis Díaz.

Na xornada festiva non faltaron a música, a cargo do dúo Charada, e as sorpresas, xa que houbo sorteos cuxos premios foron mercados en empresas locais: produtos de Naturalfarma e cestas e flores e froita de Floristería Alecrín.

Na xuntanza tamén foron recoñecidos con cadanseu agasallo o veciño e a veciña de máis idade do municipio de Val do Dubra.

“Foi un día de celebración e visibilidade de todo o seu traballo e implicación; un recoñecemento por todo o que Val do Dubra lle debe aos nosos maiores”, afirman dende o Concello, que foi o organizador da festa no pavillón municipal.